O lobo mata un can ao pé das casas na parroquia guitiricense de Pígara
A Garda Civil acudiu a Pígara, en Guitiriz, para inspeccionar o cadáver de Toby, un can labrador de tres anos e duns 45 quilos de peso que se cre que matou o lobo. Cando os seus donos o botaron en falta, foron na súa procura e deron con el, xa medio comesto, nun prado situado a escasos cen metros das vivendas.
María Dolores Fernández Gómez, dona do can: "Nós vímolo alí e estaba todo comido. Polo pescozo case non se lle notaba nada, pero máis abaixo tiña moito sangue. O lobo arrastrouno un cacho, polo que se ve nas herbas ensanguentadas. Ao mellor atacouno e levouno a rastro, pero como foi de noite non o sabemos".
Os donos do labrador están molestos e preocupados polo acontecido. Temen que volva producirse outro ataque e que o lobo lles mate o can que lles queda, un mastín dun ano, ou unha poldra e unha egua a piques de parir que teñen á beira da casa.
María Dolores Fernández Gómez, dona do can: "A egua xa parira outra vez, pero a poldra vai facer un ano e esa xoga coma un neno. Eu teño medo polos animais, pero tamén teño moito medo por min".
O cadáver do can permanece no lugar do ataque á espera de ser retirado polos técnicos de Medio Ambiente.