O lobo mata oito ovellas no concello de Xove
Publicado o 20/04/2020 14:36
Os lobos mataron oito ovellas no concello lugués de Xove.
Os animais estaban a pacer nunha leira pechada pero os lobos saltaron o valo e deixaron mortas todas as reses, agás o carneiro, que quedou ferido. Tres das ovellas estaban a piques de parir, polo que as perdas para o propietario foron considerables.
Os veciños amósanse sorprendidos de que o lobo actúe tan preto do mar e nunha zona de numerosas vivendas. Nas últimas semanas xa mataron outros exemplares de gando nesta parroquia de Camba, a escasos metros do polígono industrial.