CRTVG

Buscar

O lobo mata catro cabras e deixa outra ferida na serra do Barbanza

Publicado o 10/10/2019 13:50

O ataque producise no monte Iroite, na serra do Barbanza, a plena luz do día e moi preto das casas. Nin a presenza do mastín que coida das cabras puido evitar a acción do lobo.

"Boteinas onte ás 8 e media e as 9 da mañá xa había catro lobos coas cabras. E sorte que vin e fun capaz de sacarllos, pero matáronme catro e outra deixárona ferida, leveina ao veterinario, tratouna, pero di que non vai vivir", di Andoni, o propietario da explotación de cabras.

Non é a primeira vez que os animais de Andoni sofren o ataque do lobo. Desde hai un ano, a súa explotación perdeu máis da metade, polo que ve inviable seguir adiante.

"Eu son un mozo gandeiro que quería empezar agora cunha explotaión de cabras, pero, polo visto, non podo seguir porque non ten futuro. O ano pasado tiñamos 92 e este ano despois do ataque de onte quedan 40. E por cada cabra que mata, se pasa dos 5 anos, dan 26 euros, e con 26 euros non podes comprar ninguna cabra", di Andoni o propietario da explotación de cabras.

Andoni non é o único gandeiro afectado polos continuos ataques do lobo. A Enrique estes últimos días tamén lle matou dous animais.

"Eu a semana pasada sufrín dous ataques. Pola mañá botamos unha vaca ao pasto ás 8 e media e a vaca púxose de parto ás 10 da mañá, quedou o becerro tumbado e ás 12 cando foi meu tío ver xa estaba o lobo comendo no terneiro, xa o botou de alí, o estaba devorando totalmente", di Enrique, outro gandeiro afectado.

Uns días antes, o lobo comeulle tamén un poldro. Aseguran os gandeiros que manter así unha explotación é inviable.

"As perdas son cuantiosas e inasumbles e hai gandeiros que están condenados ao peche. Outros arruinámonos a mercar herba seca. O único remedio que nos queda é estabular o gando, porque se o temos fóra en calquera momento quedamos sen el. Os mastíns, este compañeiro ten mastíns, din que é unha solución, pero xa vemos que as come igual", di Enrique.

Piden solucións para controlar o lobo e poder seguir así con garantías coa súa actividade gandeira.

Noticias web

10/10/2019