CRTVG

Buscar

O lobo deixa de poder cazarse e a Xunta di que recorrerá contra a súa protección

Publicado o 21/09/2021 12:56

O lobo deixa de ser especie cinexética a partir de mañá, mércores, tras a publicación da orde que modifica a Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE), co fin de incluír todas as poboacións de lobo ibérico de España.

Esa orde, publicada este martes no Boletín Oficial do Estado, establece dúas disposicións adicionais: unha delas referida a que a captura de exemplares, fixada con anterioridade á entrada en vigor desta orde, poderá seguir aplicándose se conta cunha autorización das autoridades autonómicas.

Para que iso se poida producir será necesario que non haxa outra solución demostrada a eventos de depredación do lobo. E deberá xustificarse que a medida da captura de exemplares non afecta negativamente o seu estado de conservación e que causa prexuízos importantes para as explotacións gandeiras afectadas.

A disposición segunda engade que a estratexia de conservación e xestión do lobo en España será aprobada pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, antes do 31 de decembro de 2021, e publicarase na páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A decisión conta co apoio do Comité Científico, que entende que o estancamento da poboación de lobo ibérico nos últimos anos e a conxelación da súa área de distribución —a pesar da existencia de hábitats adecuados para o seu desenvolvemento máis aló do noroeste peninsular— produciuse como consecuencia da elevada taxa de mortaldade non natural que soporta a especie.

A Xunta anuncia un recurso

A Xunta de Galicia anunciou este martes que vai recorrer ante os tribunais contra esta decisión do Goberno de blindar o lobo ibérico.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Ángeles Vázquez dixo que o anuncio lles provocou "sorpresa, frustración e indignación" e, en declaracións á prensa con motivo dun acto na Estrada, tachou de "triste" a ausencia de "diálogo" entre o Executivo e as "comunidades lobeiras". 

Vázquez di que "carece de sentido total e absoluto o que se acaba de facer" e asegurou que van intentar "con medidas cautelares" frear a entrada en vigor da norma, que, segundo a conselleira, "non se ampara en ningún estudo científico".

Ademais criticou que se marcase a data "sen previo aviso", en "precario", porque os gandeiros non poden ter implantados plans de prevención específicos e, se sofren ataques, "non hai maneira" de que ningún organismo os poida axudar.

"As medidas de protección son inasumibles", asegurou. "Cercados de dous metros, portas específicas, porches... Custos totalmente inasumibles", enumerou Ángeles Vázquez, quen dixo que varios alcaldes, algún deles socialista, como a alcaldesa de Viveiro, lle trasladaran a inquietude de gandeiros e veciños en xeral.

Asturias, Cantabria e Castela e León tamén anuncian recursos contra esta norma.

Noticias web

21/09/2021