O lixo convértese en arte en Redondela
Publicado o 22/04/2019 13:15
Os materiais de refugallo convertidos en arte comparten espazo urbano cos veciños de Redondela. Son montaxes artísticas nacidas do lixo e cargadas de mensaxes directas ou subliminares.
Grandes e pequenos participan no Artelixo, un festival que une a arte e a reciclaxe para reflexionar sobre a necesidade de coidar o medio natural, o consumismo e outras realidades sociais.
Bágoas de serea, ferralla metálica, tapóns e caixas de madeira convértense en artísticos veleiros, parrulos, tótems, cabichas ou máquinas expendedoras.
Actividades para cativos, limpeza de areais e unha exposición permanente completan o Artelixo que este ano tamén se estende a Cesantes e Chapela.