CRTVG

Buscar

O libre acceso aos aeroportos será unha realidade en poucos días

Publicado o 09/10/2021 20:49

Aena vai abrir a man despois de máis dun ano e medio de restricións e permitirá o libre acceso aos aeroportos. Atrás quedarán as limitacións de afluencia. Só podían entrar nas terminais aeroportuarias pasaxeiros con tarxeta de embarque, traballadores das instalacións e acompañantes con causa moi xustificada.

Iso vai cambiar en breve. "Nos próximos días imos anunciar e imos aprobar en Consello de Ministros que eliminamos as restricións para o acceso ás terminais nos aeroportos de Aena. Iso é froito desa recuperación que se está producindo, desa saída da pandemia", explica a ministra de Transportes, Raquel Sánchez.

As despedidas e os recibimentos podían facerse nos aparcadoiros internos dos aeroportos ou nos denominados carrís exprés, a carón das entradas ás instalacións. Agora volverá a normalidade: "Imos achegar en certa maneira esas despedidas, eses recibimentos, facilitando o acceso non só dos pasaxeiros e do persoal, senón tamén facilitando o acceso de acompañantes ás terminais", sinalou a titular de Transportes.

A data concreta para o libre acceso aos aeroportos aínda non se coñece, pero en medios políticos oficiosos sinálase que a medida podería entrar en vigor xa a semana vindeira.

Noticias web

09/10/2021