CRTVG

Buscar

O liberal Francisco Sagasti será o novo presidente do Perú

Publicado o 16/11/2020 22:15

O lexislador Francisco Sagasti, do Partido Morado, de tendencia centro-liberal, será o próximo presidente do Perú e asumirá o baleiro deixado tras a dimisión de Manuel Merino no medio dunha grave crise política e social que levou a masivas protestas cidadás no seu país.

Sagasti, de 76 anos, foi elixido polo Congreso para presidir a súa mesa directiva e, en consecuencia, asumirá o proceso de sucesión presidencial establecido na Constitución, que estipula que o titular dese poder do Estado asume a presidencia cando non hai un mandatario. A votación en favor da lista dirixida por Sagasti foi de 97 votos a favor e 26 en contra, e con ela finalmente ábrese un camiño de saída á crise política, de lexitimidade e de violencia represiva que se desatou no Perú por mor da destitución hai unha semana de Martín Vizcarra.

No momento en que Sagasti xure a presidencia interina da República, que segundo se estima terá lugar en cuestión de horas, o Congreso quedará en mans da deputada esquerdista Mirtha Vázquez.

Sagasti é unha figura de relativo consenso, ben visto tanto pola esquerda como pola dereita, e cun perfil que pode axudar a tranquilizar unha cidadanía enfastiada coas manobras políticas e os intereses subalternos evidenciados polos partidos que impuxeron a destitución de Vizcarra e a asunción de Merino.

De feito, Sagasti foi un dos poucos deputados (só 19 de 130) que se opuxo activa e pasivamente a esa destitución polo seu carácter ilexítimo, desestabilizador e o seu afastamento da vontade popular, o que finalmente se terminou de mostrar nos feitos.

O político e enxeñeiro de profesión, que traballou durante varios anos como conselleiro técnico no Banco Mundial, terá aparentemente máis facilidades que o seu predecesor para conformar un gabinete de "ancha base" que asegure a celebración das eleccións xerais de 2021 e unha transición pacífica do poder en xullo.

Esta elección de Sagasti, con todo, non foi fácil e chegou tras un intento errado na noite do domingo, en que outra lista, nesta ocasión liderada pola deputada de esquerdas Rocío Silva Santisteban e que o tiña a el como primeiro vicepresidente, fora rexeitada polos congresistas. Esa lista, que supuñía que por primeira vez na historia unha muller asumise a presidencia do Perú, entrou a votación tras ser acordada polos portavoces dos partidos. Con todo, nun acto que Sagasti cualificou como "traizón", moitos dos votos prometidos non chegaron, o que forzou unha nova xornada de negociación entre os congresistas.

Mentres, tanto a presidencia da República como a presidencia do Congreso quedaron vacantes e dous dos tres poderes do Estado peruanos inoperativos no contexto dunha crise social e política sen precedentes que se suma ao drama económico e sanitario causado pola covid−19.

 

Noticias web

16/11/2020