CRTVG

Buscar

O IPC cae un 0,7 %, primeiro descenso en catro anos, por mor dos carburantes

Publicado o 14/05/2020 10:59

• En Galicia baixou un 0,9%

O índice de prezos de consumo (IPC) caeu en abril un 0,7 % en comparación co mesmo mes de 2019, o cal supón o primeiro descenso deste indicador desde agosto de 2016, ocasionado polo abaratamento dos carburantes e a pesar da forte repunta dos alimentos frescos.

De acordo cos datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), sen ter en conta os elementos máis volátiles do indicador, que son precisamente a enerxía e os alimentos non elaborados, a inflación subxacente mantívose no 1,1 %.

Debido á situación de confinamento pola epidemia da COVID-19, o INE creou dous grupos especiais que recollen o efecto nos prezos dos bens e os servizos que se puideron seguir consumindo, entre os que destaca a subida do 6,9 % dos alimentos frescos en taxa anual, tres puntos superior á rexistrada o mes anterior.

En Galicia, o IPC baixou un 0,9% en abril en Galicia en comparación co mesmo mes de 2019. España entra en taxas negativas por primeira vez desde agosto de 2016. 

Respecto de marzo, o IPC galego subiu tres décimas, igual que o global do país. No acumulado do ano, entre xaneiro e abril, os prezos caen un 1,5% en Galicia.