CRTVG

Buscar

O IPC baixou un 0,6 % en febreiro polo abaratamento da electricidade

Publicado o 12/03/2021 09:24
O IPC baixou un 0,6 % en febreiro polo abaratamento da electricidade

Os prezos mantivéronse en febreiro sen cambios con respecto ao mesmo mes de 2020, xa que a presión á alza dos carburantes foi compensada pola tendencia á baixa da electricidade. O Instituto Nacional de Estatística publicou este venres o índice de prezos de consumo de febreiro, que confirma o dato avanzado hai dúas semanas: cinco décimas inferior ao rexistrado en xaneiro.

Desde o inicio da pandemia, os prezos encadearon caídas interanuais de prezos ata a repunta do 0,5 % rexistrada en xaneiro, ligada ao encarecemento da electricidade debido á borrasca Filomena.

O INE detalla que o grupo que máis apertou á baixa os prezos en febreiro foi a vivenda, cuxa taxa, 1,1 %, é máis de catro puntos inferior á de xaneiro debido a que os prezos da electricidade baixaron máis este mes que en 2020.

Ademais, os prezos dos hoteis, cafés e restaurantes mantivéronse sen cambios, cando hai un ano subiron un 0,6 %, fronte á estabilidade dos servizos de aloxamento, que o pasado ano subían.

Outros factores que apertaron á baixa son o lecer e a cultura, que se abarata un 0,4 % porque os paquetes subiron máis o pasado ano que este, e os alimentos e bebidas non alcohólicas, que encarecen un 1,6 %.

Pola contra, a caída dos prezos do transporte, do 1,2 %, é dous puntos inferior á de xaneiro debido ao encarecemento dos carburantes e lubricantes para o transporte persoal, o cal empurrou á alza o IPC xeral. 

Os prezos subiron especialmente en Melilla, e tamén no País Vasco, Navarra e Ceuta, e a baixada máis destacada deuse en Canarias.