CRTVG

Buscar

O instituto de Mos é o centro educativo con máis casos de Galicia

Publicado o 24/05/2021 16:30

Medra a preocupación no concello de Mos, onde a incidencia acumulada está disparada e se achega aos 500 casos por 100.000 habitantes. De seguir así, nas próximas horas non se descarta o peche perimetral do municipio. Nos últimos catorce días, rexistráronse setenta novos contaxios.

A repunta está relacionada co gromo detectado no instituto. Case o oitenta por cento do alumnado participou nun cribado onde xa se confirmaron, polo menos, doce positivos asintomáticos. Deste xeito, o total de casos activos ascende a 34, con varias aulas pechadas. É o maior gromo de Galicia nun centro educativo.

Para tentar controlar a situación, está previsto que se leve a cabo un cribado masivo nas próximas horas no pavillón Óscar Pereiro e no de Sanguiñeda. O concello fai un chamamento á participación.

Conscientes de que a saúde é prioritaria, o sector hostaleiro prepáranse para o peor se os datos empeoran: a suba ao nivel máximo de restricións e o conseguinte peche dos establecementos.

Noticias web

24/05/2021