O Instituto da Lingua Galega conmemora os seus 50 anos
A lingüística galega hai 50 anos non existía. Por eso naceu o Instituto da Lingua Galega, comprometido ca investigación do noso idioma. No seu aniversario, a entidade reafirmou ese compromiso, co reto de manter vivo o galego, sobre todo na mocidade.
A foto de grupo dos premiados no certame de vídeo Móvete puña fin ao concurso ideado polo Instituto da Lingua Galega para achegar o seu labor á poboación máis nova no seu quincuaxésimo aniversario. É un dos xeitos de renovarse dun instituto que naceu en 1971 para investigar o noso idioma cando non existían estudos de lingüística en galego e moito menos o galego se ensinaba na escola.
"Hoxe a lingüística en galego está consolidada, hai moita obra, o que destacaría é que o compromiso coa lingua galega segue sendo o mesmo (...) O proxecto Nós con CITIUS e a Xunta para dotar de asistentes de voz, reprodutores automáticos e ferramentas tecnolóxicas para a lingua galega do século XXI", explica Xosé Luís Regueira, director do Instituto da Lingua Galega. Xustamente, ese proxecto Nós vaise asinar a semana que vén entre a Xunta e a Universidade de Santiago, para que asistentes de voz como Alexa ou Siri falen en galego.
É o primeiro paso qpara que o proxecto Nós sexa unha realidade, cun investimento de 15 millóns e medio de euros, e introducir o galego nas aplicacións activadas por voz ou tradutores e procesadores de texto.
O acto final desta semana de celebracións foi a homenaxe sentida e concorrida a tres dos eruditos que forman xa parte da súa historia e levaron adiante retos como o Atlas Lingüístico Galego."Os seus datos foron fundamentais para elaborar gramáticas galegas e dicionarios", asegura Manuel González, catedrático de Filoloxía Románica e un dos homenaxeados
Eles que marchan e os que forman a actual directiva do ILG teñen moi claro que o maior reto actual é conseguir que a mocidade do século XXI siga falando en galego.