O independentismo apura as negociacións para adiantarse á investidura de Illa
Co 23 por cento dos votos, Salvador Illa foi o candidato máis votado. Pero o mellor resultado dos socialistas cataláns dende Pasqual Maragall deixa un sabor agridoce, porque a suma dos independentistas revalida a maioría absoluta. Con todo, o candidato do PSC presentarase á investidura.
Salvador Illa, candidato do PSC á presidencia da Generalitat: "Dende hoxe mesmo poñereime en contacto con todas as formación agás a ultradereita, e buscarei o seu apoio para a miña investidura".
Pero as súas posibilidades son escasas porque Esquerra pecha a porta a un acordo co PSC e aposta por unha alianza independentista. Aragonès logrou superar por un escano a Junts no liderado do soberanismo, e xa iniciou contactos para formar un "goberno amplo": quere incluír tamén a CUP, que sube a nove deputados e volverá ter a chave, e aos Comúns. Pero Borras prefire deixar fóra da fórmula os oito escanos que mantén a formación morada.
Oriol Junqueras, presidente de ERC: "É imposible un goberno co PSC. Imposible, porque somos os dous partidos políticos máis antagónicos de Cataluña".
Laura Borrás, candidata de JXCat á presidencia da Generalitat: "Máis alá de como se organice o Goberno, hai que escoitar as urnas: por primeira vez gaña o independentismo en número de votos"
Quen xa se proclama líder da oposición é o candidato de Vox, que irrompe na cámara catalá con once escanos.
Ignacio Garriga, candidato de Vox á presidencia da Generalitat: "Exerceremos unha oposición forte e contundente".
Garriga varre o PP, relegado a última forza en Cataluña con tres deputados, e a Ciudadanos, que pasou dos 36 escanos con que gañou as anteriores autonómicas a seis. O seu candidato descarta dimitir polo momento.
A xornada electoral transcorreu con toda a normalidade posible nunha pandemia que se deixou notar nas medidas de prevención e tamén na baixa participación: só votaron o 53 por cento dos cataláns.