O incumprimento das restricións está detrás dos novos casos en Lugo
As xuntanzas familiares e encontros sociais semellan ser a causa do aumento de casos activos de coronavirus na cidade de Lugo. Na fin de semana e onte luns volveron saltar as alarmas ao detectarse arredor de 30 positivos diarios na capital luguesa. Ademais, están moi espallados e afectan principalmente a persoas de pouca idade, polo que a situación se fai máis complicada ao non haber un único foco. Con todo, a rastrexabilidade dos novos casos está garantida.
Dende o Sergas confían en que cara a finais desta semana xurdan pleno efecto as medidas tomadas, se invista a tendencia e se reduza a presión asistencial nos tres hospitais da área sanitaria da provincia de Lugo.
"Viñamos observando a semana pasada estabilidade no número de positivos na cidade de Lugo. Pero na fin de semana, sábado, domingo e luns, movémonos arredor dos trinta positivos diarios na cidade de Lugo".
Entre os veciños da capital volve estenderse a preocupación polo aumento dos casos activos e pídense medidas de control, sobre todo orientadas á mocidade, para evitar que o virus siga a espallarse. Cren que de pouco vale cumprir as medidas sanitarias se segue a haber quen as salta.
"A xente nova non fai caso de algo tan importante para todos. Cada un fai o que quere". "Vense cousas raras de xente nova e non tan nova". "Parece que o motivo son as reunións familiares onde non se respectan as medidas sanitarias".
A policía de Lugo cursou na fin de semana 27 denuncias contra persoas que ou non levaban posta a máscara ou saltaron o confinamento ao que estaban obrigados ou quebrantaron os horarios que impón o toque de queda.