O incremento de contaxios leva as sete cidades ao nivel alto de restricións
• A Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol súmanse a Vigo, Ourense e Pontevedra
• Pasan ao nivel máximo os concellos de Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso
• Un total de 48 concellos sitúanse no nivel alto
Os concellos da Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol vanse situar a partir do sábado no nivel alto de restricións a causa do incremento de contaxios e da incidencia da covid−19 nas últimas datas. Así, as sete maiores cidades do país terán limitacións de nivel alto, xa que Vigo, Ourense e Pontevedra xa as teñen nestes momentos.
Sitúanse xusto no chanzo inferior ao nivel máximo, en que haberá a partir do sábado doce concellos. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciaba en conferencia de prensa este mércores que as vilas de Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso incorpóranse a ese nivel máximo, no que xa estaban Boiro, O Barco, Cambados, Meaño, O Grove e Sanxenxo.
García Comesaña explicaba que a situación e a evolución epidemiolóxica de Galicia é "mala e preocupa".
En total 48 concellos estarán a partir do sábado no nivel alto de restricións. Ademais da incorporación da Coruña, Lugo, Santiago, Ferrol, tamén pasan a este nivel A Pobra do Caramiñal, Ames, As Pontes, Arteixo, Cambre, Cariño, Culleredo, Ortigueira, Chantada, Monforte, Verín, Bueu, A Guarda, Meis, Moaña, Mos, Ponte Caldelas, O Porriño, Redondela, Ribadumia e Soutomaior.
Esas son as novas incorporacións a este nivel alto no que xa estaban Avión, Carballo, Fisterra, Oleiros, Arzúa, Melide, Ribeira, Cervo, Ribadeo, Barbadás, O Carballiño, A Illa de Arousa, Marín, Poio, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Tomiño, Bueu e Redondela.
Ademais, 52 concellos estarán en limitacións de nivel medio.
Desde a pasada semana, debido ao impacto distinto que ten a quinta onda na presión asistencial, Galicia utiliza un criterio axustado que vai máis alá da mera incidencia acumulada para determinar as restricións.
Deste xeito, segundo indicou o conselleiro, os municipios en niveis máximo, alto e medio son 112, mentres que se se aplicase a incidencia acumulada como "criterio bruto" excederían os 200.
Ademais de detallar estes novos cambios nas restricións, o conselleiro de Sanidade pediulle á poboación máis nova "extremar a precaución", que acudan aos cribados para detectar casos de covid−19 en asintomáticos e que faciliten todos os contactos estreitos cando se contaxien co fin de frear as cadeas de transmisión.
García Comesaña dixo que o grupo de 12 a 29 anos concentra a maior parte de contaxios de covid−19 e por iso incidiu en que a Xunta centrará o seu "esforzo" na capacidade diagnóstica con máis cribados, en paralelo ao proceso de vacinación.
O conselleiro tamén informou de que o Sergas vai habilitar un circuíto para que as persoas que obteñan positivo nos autotests que se adquiran nas farmacias poidan solicitar e obter "cita inmediata" para someterse a unha PCR que ratifique ese resultado.
Esa "nova ferramenta" de autotest, comentou o conselleiro de Sanidade, contará, polo tanto, cunha "canle específica" a través dun número de teléfono 900, para que "cheguen canto antes ao sistema" os resultados positivos.
O conselleiro destacou, ademais, o protocolo asinado cos colexios farmacéuticos para emitir un "documento acreditativo, non un certificado" co resultado dos autotests de antíxenos realizados nas propias farmacias.
Este documento, en caso negativo, servirá para presentar nos locais de hostalería nos que sexa obrigatorio e terá validez unicamente en Galicia.