O incendio no polígono do Ceao está controlado pero non extinguido
Un día despois, a imaxe no polígono do Ceao é desoladora. Varias empresas históricas da cidade de Lugo amenceron convertidas en cinzas. Acceder á zona cero aínda non é posible porque, no lugar, segue traballando o corpo de bombeiros.
A poucos metros, os traballadores agardan novas con nerviosismo. Pasarán días antes de que se poida reiniciar a actividade. Os empresarios máis afectados buscan alternativas para continuar traballando e cumprir cos compromisos comerciais.
Só nunha das naves afectadas, as perdas superan os 12 millóns de euros. Aínda é cedo para facer unha avaliación global, pero o impacto económico na cidade será importante.
"Que os seguros funcionen con celeridade, e que os postos de traballo que están no aire se resolvan o antes posible. O polígono é o principal motor económico da cidade", reclama Jaime López, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo.
O regreso aos postos de traballo tampouco foi posible para os empregados das naves máis próximas ás devoradas polo lume, debido ás altas concentracións de CO2.
"Non se pode restablecer a actividade ata que comprobemos os recintos. Estamos a facer medición de gases", explica Miguel López, sarxento dos bombeiros de Lugo.
Polo momento, aínda hai focos activos, polo que o incendio está controlado pero non extinguido.