CRTVG

Buscar

O incendio dun alpendre en Muras provoca perdas materiais por valor de miles de euros

Publicado o 02/10/2020 13:59

Un incendio arrasou por completo un alpendre no lugar de Seilán, en Muras. No seu interior había ferramentas e numerosos obxectos, como media ducia de colares para os cans con localizadores GPS, valorados en preto de 2.000 euros. Tamén arderon armas de caza, catro escopetas e mais un rifle que quedaron inservibles. En total, estímase que as perdas materiais se achegan aos 4.000 euros, aos que hai que engadir o custo de lousar de novo o alboio.

Carlos Pita, propietario do alpendre: "Tiña moitas cousas. Tiña dúas emisoras de caza, todos os colares localizadores dos cans, a máquina de buscar os cans, as escopetas... Tiña todo aí. Arderon e ardeu a documentación do gando e todo".

Aínda non despuntara o día cando os donos do alpendre espertaron cos estalidos das lousas. Deseguido, comezaron a botar auga e déronlles aviso aos bombeiros de Vilalba, que estiveron a traballar máis de dúas horas na extinción das lapas.

Carlos Pita, propietario do alpendre: "Aínda levou. De feito, aínda está ardendo. Ata as nove ou por aí que estivemos apagando o lume, e démonos de conta sobre as seis e media da mañá porque sentimos estalar as lousas. E despois xa viñeron os bombeiros, apagámolo e listo".

En canto á orixe do lume, crese que se puido tratar dun curtocircuíto.

Noticias web

02/10/2020