CRTVG

Buscar

O incendio de Tenerife, sen control, afecta xa máis de 3.300 hectáreas

Publicado o 22/05/2021 20:27

Continuou soprando o vento durante esta xornada no municipio de Arico. Os equipos de extinción seguen traballando para que o lume non supere os 27 quilómetros de perímetro que tiña ata este mediodía. O incendio avanzou desde o xoves por dous barrancos de monte baixo de acceso complicado. Confían en que o esforzo do operativo, con 200 persoas por terra e sete aeronaves, se vexa compensado nas próximas horas cando muden algo as condicións meteorolóxicas.

"Mañá deberá notarse unha melloría, porque hoxe seguimos tendo temperaturas previstas de 25 graos e en cambio mañá a previsión meteorolóxica pode poñernos en 20 graos, cinco graos que poden ser importantes. Tamén para mañá se agarda un aumento da humidade relativa. " Dicía Julio Pérez, o conselleiro da Presidencia do Goberno das Canarias.

O que non se espera é un cambio na intesidade do vento, que é o que máis complica os labores de extinción. Polo de agora non foi necesario evacuar os veciños porque é zona de monte pero seguen atentos á evolución do incendio.
Hai aberta unha investigación para descubrir as causas do lume.

Noticias web

22/05/2021