CRTVG

Buscar

Controlado o incendio do Cap de Creus, o máis grande de Cataluña este ano

Publicado o 18/07/2021 21:01

O incendio declarado no parque natural do Cap de Creus en Xirona avanzou desde Lllançà cara a Port de la Selva e arrasou unhas 415 hectáreas. O vento orixinou focos secundarios que obrigaron a desaloxar distintas urbanizacións nunha noite moi complicada despois de evacuar centos de veciños nas primeiras horas. Uns 350 habitantes da comarca saíron das súas casas e puideron comezar a regresar ás súas vivendas desde a medianoite.

Os bombeiros deron por controlado o lume ás 20:00 horas deste domingo despois de traballar desde o venres na súa extinción. Manteránse unha quincena de dotacións terrestres para revisar o perímetro e intentar evitar que se reaviven as lapas.

Unha cabicha mal apagada lanzada desde un vehículo é a principal hipótese da investigación que segue aberta sobre a orixe das lapas no monte. As autoridades aseguran que o 40 por cento dos incendios están causados por neglixencias e pódense evitar. Este é o lume forestal máis importante dos declarados este ano en Cataluña.

A tramontana, o vento, a humidade relativa baixa e o incremento das temperaturas foron o cóctel explosivo que favoreceu a propagación das lapas. O incendio obrigou a cortar varias estradas e catro bombeiros e un membro das agrupacións de Defensa Forestal resultaron feridos na extinción, todos leves.




 

Noticias web

18/07/2021