O Hospital Universitario Lucus Augusti celebra o seu décimo aniversario
O hospital Lucus Augusti suma xa unha década de vida. Lonxe queda xa a unificación aquí dos tres centros hospitalarios que había na cidade e que deu lugar a un hospital máis grande, con preto de 900 camas, e tamén máis moderno e funcional.
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, destaca todo o proceso de transformación que se fixo neste tempo. O hospital cambiou de tamaño, pero tamén de formas de facer, o que implicou unha mellora da calidade.
Canda as instalacións foron aumentando os servizos, o que permitiu mellorar a atención, evitando desprazamentos, e cun labor de humanización que traballa por facer máis cómoda a estancia dos ingresados.
Fernando Fernández Lamelo, director de Atención Hospitalaria da área, tamén pon en valor o desenvolvemento da carteira de servizos, da tecnoloxía e as mudanzas a forma de traballar.
"Temos equipos multidisciplinares onde os pacientes teñen practicamente todos os servizos sen ter que desprazarse a outras áreas", di.
Son dez anos de intensa traxectoria en que o piar esencial son os seus 4.000 traballadores. Daquela enfrontáronse con éxito ao reto dun novo centro con nova tecnoloxía e agora fan o propio cunha pandemia coa que loitan a diario man a man e sen decaer no seu compromiso cos pacientes.