CRTVG

Buscar

O home que matou o sobriño en Santiago podería ser declarado inimputable

Publicado o 07/10/2020 15:10

Os feitos remóntanse ao pasado 21 de setembro cando, presuntamente, o home matou o seu sobriño de tres anos na residencia familiar. As primeiras hipóteses apuntaban a que o presunto homicida sufría unha crise psicótica no momento da agresión.

O xulgado decretou o seu internamento non voluntario e actualmente permanece ingresado na área de Psiquiatría do Hospital Provincial de Conxo en Santiago. O seu avogado di que "todo apunta" a que o acusado non era consciente do que facía, así que cre que podería ser declarado "inimputable".

Di Evaristo Nogueira que "calquera persoa que comete un feito delituoso e as súas capacidades cognitivas están totalmente limitadas, non é responsable penal do feito". Por iso, afirma, dende o punto de vista penal, decretaríase a "inimputabilidade desa persoa que comete o delito, sexa cal sexa".

Se os informes médicos e forenses confirman que o presunto autor non era consciente dos feitos, e finalmente non é imputado, tampouco poderá ser enviado a prisión. Nogueira di que aínda non se pode saber que medidas se determinarán, pero que "o máis habitual" é un internamento ou "medidas ambulatorias de seguimento da persoa que ten un padecemento".

Está previsto que o presunto autor do crime declare en sede xudicial en canto reciba a alta hospitalaria. A xuíza instrutora fará entón a imputación formal dos cargos que pesarían sobre el ou, no seu caso, declarará a súa inimputabilidade.

Noticias web

07/10/2020