CRTVG

Buscar

O helicóptero Ingenuity fai historia ao voar, por primeira vez, en Marte

Publicado o 19/04/2021 13:10

O pequeno helicóptero Ingenuity da NASA fixo historia este luns ao realizaren o primeiro voo controlado e con motor dunha aeronave noutro planeta, neste caso, en Marte.

O equipo do Laboratorio de Propulsión á Reacción (JPL-NASA), encargado de controlar a misión dende California, comunicou en directo a recepción dos datos enviados polo aparello. Segundo o informe, conseguiu engalar, manterse flotando, virar e aterrar no cráter Jezero de Marte.

Ademais, a NASA recibiu unha imaxe en branco e negro tomada polo helicóptero da súa propia sombra mentres estaba no aire e un pequeno vídeo do voo gravado polo rover Perseverance, a varios metros de distancia.

Polo momento, non detallou as horas e a duración exacta deste primeiro voo de proba, pero que estaba previsto que fóra de 30 a 40 segundos e a uns tres metros da superficie marciana.

Tras o fito, o equipo estoupou de alegría. Segundo Mimi Aung, xerente do proxecto, "agora podemos dicir que o ser humano voou noutro planeta". Desbordada pola emoción, lembrou os seis anos de traballo desta iniciativa e asegurou que "se non fose pola covid-19, abrazaría a todos os compañeiros e compañeiras" presentes na sala.