O grupo Ribera completa a adquisición do hospital Polusa de Lugo

O grupo sanitario Ribera faise co hospital privado Polusa de Lugo, despois de que a Comisión Nacional do Mercado de Valores autorizara a operación.
O acordo alcanzado o pasado mes de xullo cun grupo de accionistas culmina agora coa formalización da compra, coa que o grupo valenciano Ribera "consolida o seu crecemento na comunidade galega". De feito, o ano pasado esta empresa adquiriu o hospital Povisa de Vigo.
A conselleira delegada deste grupo, Elisa Tarazona, asegura nun comunicado que "co hospital Polusa reafirmamos o noso compromiso coa sanidade galega, e a nosa vontade de seguir crecendo e desenvolvendo o noso modelo de saúde responsable, co obxectivo de responder aos retos que a sociedade nos esixe".
O grupo Ribera Salud, propiedade á súa vez do xigante norteamericano Centene Corporation, é a terceira compañía privada española do sector hospitalario.
O hospital Polusa é un centro sanitario privado con 135 traballadores. Conta con 97 camas e 5 quirófanos. Ata agora, gran parte das accións eran propiedade de Carmen Lence, responsable do grupo Leche Río.