CRTVG

Buscar

O grupo de 70 a 79 anos recibirá as primeiras vacinas unidose de Janssen

Publicado o 12/04/2021 13:07
O grupo de 70 a 79 anos recibirá as primeiras vacinas unidose de Janssen

España ten previsto destinar as súas primeiras vacinas unidose de Janssen contra a covid−19 a acelerar a inmunización do grupo de idade comprendido entre os 70 e os 79 anos.

Anunciouno a ministra de Sanidade no aeroporto de Gran Canarias, tras a chegada á terminal das 43.000 unidades de Pfizer-BioNTech que corresponden ás illas na remesa desta semana (de 1,2 millóns).

Carolina Darias explicou que o millón de novas doses de Pfizer se vai dedicar, na súa maior parte, a acelerar o proceso de vacinación do grupo de maiores de 80 anos coa segunda dose da pauta. Arestora, o 90 por cento da poboación neste treito de idade xa recibiu a primeira.

Chegan en 48 horas

Os primeiros soros de Janssen chegarán a España nas vindeiras 48 horas e completarán o catálogo dos que xa se administran en España: os de Pfizer, AstraZeneca e Moderna.

Esta vacina da compañía belga Janssen, filial da multinacional estadounidense Johnson & Johnson, non require dunhas condicións moi especiais para o seu almacenamento e distribución. Pódese conservar en neveiras convencionais, a unha temperatura de dous a oito graos, e permanecer no exterior durante as doce horas anteriores á súa inoculación.

Ademais, ao ser dunha soa dose, a comunidade científica considera que pode contribuír de xeito eficaz a axilizar os procesos de inmunización.

Sector viral

Baséase nun sector viral, o que significa que utiliza virus modificados xeneticamente para que non poidan causar a enfermidade. Porén, transportan información suficiente para a produción de proteínas desencadeantes da resposta inmune que o organismo necesita para protexerse do SARS−CoV−2.

Os datos obtidos durante as diferentes fases clínicas en que se probou revelan unha eficacia superior ao 85 % na prevención da covid−19 grave e dun 100 % na prevención das mortes. Os resultados demostraron tamén a súa eficacia contra as diferentes cepas e variantes, entre elas a surafricana e a brasileira.

Na actualidade, os proxectos para xerar vacinas contra o coronavirus responsable da covid−19 superan os 300 en todo o mundo, e uns 80 atópanse en fase de validación clínica. Polo momento, a Unión Europea só aprobou catro vacinas: a de Pfizer/BioNtech, a de Moderna, a de AstraZeneca e a de Janssen Pharmacéutica.