Santiago e Ourense saen do nivel alto de restricións e só O Grove terá as máximas
• Desde o sábado haberá 55 concellos no nivel alto e 69 no medio
• Sanidade vencella a meirande parte dos gromos con "festas privadas prohibidas" e pide extremar a precaución durante a ponte
O Grove é o único concello en nivel máximo de restricións. Así o informou o conselleiro de Sanidade nunha conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico. No caso da hostalería permítese unha ocupación do 30 % no interior, con certificación covid, e do 50 % das terrazas.
Julio García Comesaña destacou que son 55 os concellos que permanecen no nivel alto, e entre eles xa non se atoparan as cidades de Santiago e Ourense. Xa no nivel medio hai 69 concellos.
O conselleiro de Sanidade constatou unha tendencia á baixa da pandemia, pero subliñou que a incidencia segue sendo alta a 14 días (558 casos) e a 7 (244 casos). Con todo, pediu non baixar a garda e cumprir as medidas de seguridade. Tamén extremar as precaucións de cara á vindeira fin de semana festiva, en que se celebrarán festas en moitos concellos galegos. Confirmou que a maioría dos gromos están vencellados a reunións festivas privadas, que "son un perigo" e "están prohibidas". Neste senso, o conselleiro advertiu sobre as "festas particulares en vivendas" e pediu ter "moito coidado". Do mesmo xeito, lembrou as limitacións para os encontros entre persoas, que se traducen nun máximo de 6 en interiores e 10 en exteriores.
Segundo advertiu, a variante delta xa é a predominante na comunidade, cunha circulación do 82 % e 227 casos secuenciados.
Polo que respecta á vacinación, o 94 % dos maiores de 40 anos xa ten a pauta completa en Galicia, polo que dixo que "é unha mágoa" non recibir máis vacinas para seguir con este ritmo, que situou entre os máis altos de España.