CRTVG

Buscar

A partir do sábado permítense as xuntanzas de non conviventes nos domicilios

Publicado o 06/04/2021 21:06

• As reunións poderán ser de 4 persoas no interior e de 6 no exterior

• Os cambios de nivel dos concellos entran en vigor esta medianoite

• Con cansazo e resignación, O Grove e A Pobra pasan a nivel máximo

O conselleiro de Sanidade anunciou que a partir da noite do venres 9 de abril volverán permitirse as xuntanzas de non conviventes nos domicilios. Segundo explicou Julio García Comesaña na conferencia de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, poderán reunirse catro persoas de distintas procedencias no interior e seis persoas no exterior.

Ademais, Julio García Comesaña confirmou os concellos que van cambiar de nivel nas vindeiras horas. A Pobra do Caramiñal e O Grove estarán en restricións máximas (nivel 1) desde esta medianoite. Entón, prohibirase a entrada ou saída do municipio e a hostalería só poderá servir a domicilio.

Outros niveis de restricións

No nivel alto de restricións (2) quedarán seis concellos. Son A Pobra do Brollón, Rábade, O Irixo, Monterrei, A Illa de Arousa e Carral. A partir deste xoves, nestas localidades deberá pechar o interior dos bares e restaurantes e usar só o 50 % das terrazas.

Así mesmo, fican no nivel medio (3): Beade, Cortegada, Padrenda, O Carballiño, Boimorto, Sanxenxo, Meis, Cangas, Gondomar, Moaña e Baiona. Neste chanzo, permítese un 30 % de ocupación no interior dos establecementos de restauración e un 50 % no exterior.

No resto dos municipios galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo (4). Neste caso, pódese ocupar ata o 50 % no interior de bares e restaurantes e ata o 75 % en terraza. Nos tres niveis que non son de restricións máximas, a hostalaría pode permanecer aberta ata as 21:00 horas.

Todas estas medidas, relativas aos niveis de restrición por concellos, entrarán en vigor esta medianoite.

Situación epidemiolóxica "boa"

Julio García Comesaña considera que os datos epidemiolóxicos son "bos", pero hai que seguir facendo un chamamento á responsabilidade. Arestora, a incidencia acumulada a catorce días sitúase nos 64,9 casos por 100.000 habitantes e a sete días, nos 31,9.

142 concellos galegos non rexistraron ningún contaxio a 14 días. E en 189 non se detectpi ningún na última semana. A situación por áreas sanitarias é desigual, pero ningunha supera o 100 de incidencia acumulada.

"O mínimo en Ferrol con 36 casos por cen mil habitantes, área sanitaria, no concello. E se facemos un máximo, correspondería á área sanitaria de Vigo con 95 casos por cen mil habitantes a catorce días", explicou Carmen Durán,  directora xeral de Saúde Pública 

Respecto aos cribados nos aeroportos, detectáronse 6 positivos, catro en Alvedro, un na terminal de Santiago e outro en Peinador. En total, realizáronse máis de 1.500 test voluntarios.

Confirman un caso da cepa brasileira e outro sospeitoso en estudo 

A investigación segue centrada na detección das variantes do virus. A británica xa é maioritaria. E ao caso da cepa surafricana súmase o achado doutro da brasileira.

Tamén está en estudo outro caso sospeitoso, pero ainda non se puido determinar con seguridade se tamén é da variante brasileira ou da surafricana.
 

Vacinación de maiores de 80 anos

Segundo o conselleiro de Sanidade, este mércores continúa o proceso de vacinación das persoas maiores de 80 anos e a previsión é rematar a semana co 90 % da poboación nesta franxa inmunizada.

Hai que salientar que o 2,6 % do grupo (unhas 6.000 persoas) rexeitou a vacina e outro 8 % non a puxo por razóns de diversa índole. Neste último caso, recibirán unha segunda citación.

Teléfono de atención

Para a cidadanía galega maior de 80 que quedase sen inocular, o Sergas vai poñer á súa disposición o teléfono 881 00 20 21. Neste número, pódese tramitar, de luns a venres en horario de 8:00 a 21:00 horas, a reclamación pertinente para recibir a vacina.

Doses administradas

Ata o momento, administráronse un total de 588.893 doses en Galicia, a gran maioría de Pfizer. O pasado luns recibíronse 105.300 unidades deste fármaco e, a finais de semana, o Sergas agarda a chegada dunha partida de 25.000 soros de Moderna, pendentes de confirmación.

O conselleiro de Sanidade tamén fixo balance da campaña de vacinación masiva posta en marcha este martes. Na primeira xornada, inxectáronse 13.827 unidades de AstraZeneca e acudiron o 76 % das persoas citadas, todas con idades comprendidas entre os 60 e os 65 anos. En total, vanse administrar 5.000 vacinas.

Inmunización dos 75 aos 79 anos

Ademais, este xoves comeza a inmunización en grandes espazos do grupo que vai dos 75 aos 79 anos. Son as persoas que naceron entre o 1942 e o 1946. 

De xeito paralelo, prosegue a vacinación de grandes dependentes. De acordo cos datos facilitados por García Comesaña, o 43 % do colectivo (un total de 6.786 persoas) xa está protexido.