CRTVG

Buscar

O gromo masivo de Mallorca suma case 500 contaxios en sete comunidades

Publicado o 25/06/2021 18:09

O gromo masivo orixinado en Mallorca esténdese a un total de sete comunidades autónomas. A máis afectada polo momento é Madrid, onde se detectaron dous terzos do total dos contaxios.

Tamén Euskadi, a Comunidade Valenciana e, en menor medida, Murcia, Aragón e Cantabria rexistran positivos relacionados con viaxes á capital balear. Andalucía ten varios casos en estudo e Galicia segue recabando información sobre o alumnado que viaxou a Mallorca nestas datas.

As autoridades sanitarias recomendan suspender as viaxes de fin de curso a Baleares; gardar 10 días de corentena ao regreso das illas; facer unha proba ao chegar e, de resultar negativa, repetila ás 24 ou 48 horas para confirmar. 

Polo momento, hai uns 500 positivos en toda España. Son casos leves e ningún está hospitalizado. Moitas das persoas implicadas confirman que non cumprían coa obriga de levar máscara, que se mesturaban con outros grupos e que participaron en eventos multitudinarios. 

O Goberno balear xa ten identificados os locais que non cumpren coa norma e vai sancionalos. Traballan coa hipótese de que o gromo se desatou por un caso importado. Porén, as familias lembran que os grupos de estudantes cumprían cos requisitos necesarios para viaxar ás Baleares.

Noticias web

25/06/2021