CRTVG

Buscar

A fortuna do Gordo toca no Grove, Vigo e no Porriño

Publicado o 22/12/2020 13:32

O Grove, O Porriño e Vigo recibiron este martes a visita da fortuna pois o número 72.897, agraciado co Gordo de Nadal, dotado con catro millóns de euros por serie (400.000 euros por décimo), vendeuse alí.

Manuel Rodríguez, que rexenta no Grove a administración Luís Seoane, 2, que vendeu unha serie, contou á prensa a "emoción que sente" polo acontecido neste Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal que se celebra este martes.

"É unha satisfacción moi grande nun ano moi difícil. É unha especie de recompensa", contou visiblemente emocionado, aínda sen saber se lle tocou aos veciños.

Esperan que os cartos queden aquí, entre os veciños, para compensar un ano tan complicado na vila.

Só tres veces caera o Gordo na provincia de Pontevedra, así que hoxe cambiou a sorte. Dos 2.408 millóns que repartía este ano o sorteo extraordinario do Nadal, polo menos catro quedaron no Grove.

No Porriño vendeuse un décimo e outro máis en Vigo, onde repartiron 400.000 euros en cada boleto.