O Goberno vasco analiza legalmente se se manteñen as eleccións

O lehendakari, Iñigo Urkullu, anunciou que o Goberno vasco analiza legal e xuridicamente se coa actual epidemia do coronavirus se poden manter as eleccións vascas do 5 de abril, aínda que aclarou que esta é unha decisión que lle corresponde á Xunta Electoral Central.
Nun acto organizado en Vitoria con motivo do Día Europeo das Vítimas do Terrorismo, Urkullu recalcou que a crise xerada por este virus non é un asunto político, senón de "saúde pública", e pediu aos partidos que non especulen con esta epidemia.
Lembrou, non obstante, que en caso de celebrarse a campaña electoral estará suxeita ás mesmas normas sanitarias que calquera acto social, cultural ou deportivo.
Tamén anunciou que o Goberno vasco vai destinar un "fondo de urxencia" dotado con 300 millóns de euros para reforzar os sistemas sanitario e educativo e axudar ás empresas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abriu onte martes a porta para pedir ao Goberno central a suspensión das eleccións autonómicas do 5 de abril porque considera "razoable, prudente e aconsellable" sopesar esta posibilidade, en función da evolución da epidemia do coronavirus.
"Non se debe poñer en risco a saúde pública dunha comunidade por unhas eleccións", indicou tras presidir onte en Santiago a reunión da comisión interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes.
Nesa mesma comparecencia asegurou que entre onte martes e hoxe mércores falaría co lehendakari sobre esta cuestión.