CRTVG

Buscar

O Goberno suaviza as quitacións nos beneficios das eléctricas

Publicado o 14/10/2021 15:30

Durante a tramitación do decreto lei das eléctricas, o PNV volveu hoxe criticar as consecuencias que está sufrindo a industria tras as medidas aprobadas polo Goberno para frear o prezo da luz.

"Xa temos os primeiros avisos, paralización da produción de Sidenor en Euskadi", asegurou a deputada Idoia Sagastizabal, que cualificou o decreto de "pan para hoxe e fame para mañá".

Así que o Goberno recuou, á última hora, modulando o decreto. As eléctricas que manteñan prezos razoables para a industria non terán que devolver ao Estado parte dos seus beneficios. A vicepresidenta para a Transición Ecolóxica anunciou, sen concretar, "medidas extraordinarias para unha situación excepcional" que se aprobarán nas vindeiras semanas.

O Goberno tamén tivo que escoitar as críticas do PP. Segundo o seu deputado Guillermo Mariscal, o executivo "trasladou á industria un novo imposto" con este decreto.

Pola contra, Unidas Podemos considera que é unha norma "valente". O seu voceiro Pablo Echenique pediulle á ministra Ribera que "non ceda ás presións do oligopolio, sexan directas ou por partidos interpostos, non ceda ás chantaxes".

Pola súa parte, o Goberno segue mirando cara a Bruxelas, por "unha actuación coordinada, urxente, a nivel europeo", a pesar da negativa da Comisión a intervir no mercado eléctrico tal e como pide España.

Noticias web

14/10/2021