CRTVG

Buscar

Alcoa comprométese a desbloquear a venda da factoría de San Cibrao

Publicado o 19/07/2021 20:16

AXENCIAS

O Goberno español reclamou este luns á dirección da multinacional estadounidense Alcoa que lle permita verificar a solvencia do futuro comprador da planta de aluminio que a compañía ten en San Cibrao, segundo subliñou a ministra de Industria.  Reyes Maroto, nunha declaración facilitada polo seu departamento tras a reunión que mantivo en Pittsburgh co CEO da empresa Roy Harvey, sinalou que tamén pediron a Alcoa que acompañe a venda dun plan industrial e tamén unha mesa de traballo en que estea a Administración e sirva para desbloquear a devandita venda.

Harvey, segundo Maroto, comprometeuse a analizar as propostas do Goberno e en dúas semanas trasladarlle unha "folla de ruta" sobre o futuro da planta que permita acabar con este "conflito que durou demasiado tempo".

"Trasladei unha proposta consensuada coa Xunta de Galicia e os sindicatos na que esiximos á empresa que avalíe as catro ofertas de compra que recibiu", sinalou Reyes Maroto ao finalizar a reunión e incidiu en que o Goberno está disposto "a ofrecerlles as ferramentas de acompañamento públicas para axudarlles a verificar que o futuro comprador da planta sexa solvente e que o faga no menor tempo posible".

"O noso obxectivo é que a venda se anuncie como moi tarde o 30 de setembro", subliña. Segundo informou a ministra, "Alcoa foi receptiva" ás súas propostas e o CEO "comprometeuse a desbloquear o proceso de venda da planta" e a analizar as propostas que lle presentou, e dará resposta "nas próximas dúas semanas".

A proposta que levou a ministra Maroto a Pittsburgh, dentro da súa viaxe oficial que está a realizar aos EUA, "inclúe o acompañamento do Goberno nos plans industriais e laborais que acorden as partes compradora e vendedora para asegurar o futuro industrial da planta, incluídos os posibles riscos sobrevindos da decisión de venda", destaca. Este acompañamento, segundo sinala, "incluiría liñas de axudas públicas que se poden aplicar tanto ao plan industrial como enerxético"

Na reunión cos máximos responsables da multinacional estadounidense, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, trasladará, segundo a axenda do Ministerio, a vontade do Goberno de atopar unha solución que garanta o mantemento das capacidades industriais e os empregos na factoría de San Cibrao, na comarca da Mariña.

Noticias web

19/07/2021