CRTVG

Buscar

O Goberno retira o recurso contra a lei galega de saúde tras o acordo sobre vacinación

Publicado o 28/07/2021 15:32

O Goberno central acepta retirar o recurso de inconstitucionalidade contra a lei galega de saúde, despois de que o Tribunal Constitucional levantara a suspensión a semana pasada. Foi o que acordaron no grupo de traballo entre Xunta e Estado, onde a administración galega se comprometeu a incluír unha disposición adicional que confirma que a vacinación sempre será voluntaria.

Ademais, o novo apartado da lei versará sobre a aplicación das medidas de vacinación no marco das competencias estatais de coordinación xeral da sanidade e da estratexia nacional de vacinación e no marco do que determine o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

A Xunta celebrou nun comunicado que o Goberno decidise retirar o recurso tras este acordo que modificará a redacción da lei galega. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que esta decisión do Goberno central é un triunfo da razón e da política.

 A Xunta defende que desde "o primeiro momento" manifestou a súa vontade de negociar a redacción do texto e insiste na súa "desconformidade" con que o Goberno decidise recorrer a lei galega ante o Tribunal Constitucional "sen abrir antes un diálogo" coas autoridades galegas.

O anuncio deste acordo chega apenas uns días despois de que a pasada semana o pleno do Tribunal Constitucional acordase por unanimidade manter a suspensión do apartado da Lei de Saúde de Galicia que facultaba ás autoridades sanitarias autonómicas a "impoñer a vacinación obrigatoria" en determinadas situacións, pero levantou a suspensión ao resto do disposto no artigo 38.2.

 

Noticias web

28/07/2021