CRTVG

Buscar

O Sergas ordena retirar as máscaras defectuosas distribuídas polo Goberno e que chegaron a Ourense

Publicado o 17/04/2020 19:53

A Consellería de Sanidade ordenou xa este xoves, tras recibir a alerta, "inmobilizar e retirar" as máscaras 'Garry Galaxy' contidas en envases verdes que haxa na comunidade, despois de que o Ministerio de Sanidade, que foi o que realizou a distribución, informase de que non cumpren coa normativa europea en materia de filtrado.  

Segundo confirmaron fontes sanitarias, estas máscaras foron distribuídas, polo menos, no Hospital de Ourense. En todo caso, o Sergas explicou que se "farán as probas diagnósticas necesarias" entre os sanitarios que as empregaron para garantir a súa seguridade.   En canto tivo comunicación por parte do ministerio destas deficiencias, a Xunta "paralizou a súa distribución" e trasladou a todas as xerencias as instrucións para proceder á retirada das que xa foran entregadas.  

En total, inmobilizáronse máis de 82.000 máscaras, 36.883 na plataforma de distribución de Negreira e outras 45.408 xa nas xerencias sanitarias.  Agora, o Sergas informou que "procederá con inmediatez a substituír todas as máscaras retiradas" e que o conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, remitiu ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, unha carta na que solicita que lle remita información sobre os lotes afectados e as deficiencias detectadas

O fabricante destas máscaras, supostamente FFP2, forma parte da listaxe de provedores autorizados polas autoridades chinesas e "todos" os produtos administrados contan con "preceptivo marcado CE".   Con todo, e a pesar de que unhas máscaras contidas nun envase azul si cumpren coas especificacións establecidas na norma UNE 149:2001+A1:2010, a partida contida en envases verdes non cumpre con estes requisitos, polo que se ordenou a retirada inmediata de todas estas máscaras.  

 Así o comprobaron tanto o Instituto de Saúde Carlos III como o Ministerio de Traballo, organismo que realizou unha análise, solicitado polo Hospital Universitari Parc Taulí de Barcelona, destas máscaras autofiltrantes, encartada, con pinza nasal e con arnés de cabeza consistente en cintas elásticas que pasan por detrás das orellas.  

Pola contra, Traballo informou de que outra máscara sen identificación, sen envoltorio (solta) e non leva ningún tipo de marcado, si cumpre cos requisitos para ser considerada como FFP2. Para verificar a diferenza realizáronse tamén os ensaios de resistencia á respiración e compróbase a "coherencia" cos resultados obtidos en penetración.

 

 

Noticias web

17/04/2020