CRTVG

Buscar

Darias responde á Xunta: descarta priorizar a vacinación dos mariñeiros e avoga por un certificado dixital único

Publicado o 21/04/2021 20:52

A ministra de Sanidade Carolina Darias considerou este mércores que o certificado dixital covid−19 para facilitar a mobilidade ten que ser "un, nacional, no ámbito tamén da Unión Europea", e non pode haber, en ningún caso, un "cúmulo de certificados autonómicos".

En conferencia de prensa tras o Consello Interterritorial de Saúde, Darias respondeu así a unha pregunta sobre a petición dalgunhas comunidades autónomas, como Galicia ou Andalucía, de recuperar a mobilidade con certificados autonómicos de cidadáns xa vacinados. De feito, a Xunta de Galicia expuxo na reunión do Consello Interterritorial de Saúde que o certificado de vacinación sirva como unha das excepcións para poder entrar en Galicia cando a comunidade autónoma estea, como actualmente, en peche perimetral por causa da covid−19.

Darias comentou que falara co conselleiro Julio García Comesaña de como habería que articular este tipo de usos, pero subliñou que ten que ser un único certificado nacional. "Ese é o camiño e non outro", aseverou.

Á pregunta de se se vai a priorizar os mariñeiros na vacinación fronte á covid−19, a ministra informou de que a Comisión de Saúde Pública non adoptou ningunha decisión sobre este asunto traído pola Xunta de Galicia, que propuxo que fose o Instituto Social da Mariña o que puidese vacinar os mariñeiros.

Darias dixo que hoxe informou ao Consello, tras falar co ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións José Luis Escrivá, de que o Instituto Social da Mariña estaría en disposición de vacinar os mariñeiros "cando lles toque, na quenda que lles toque e coa vacina que lles toque".

Noticias web

21/04/2021