O Goberno recorrerá a sentenza de Meirás que recoñece unha indeminación á familia Franco

A Avogacía do Estado fixo un estudo detallado da sentenza de Meirás que permite "determinar que a posesión dos herdeiros de Franco non se fixo de boa fe". Segundo a subdelegada do Goberno na Coruña, este é un "fundamento suficiente para recorrer a sentenza" que recoñece o dereito da familia do ditador a unha indemnización polos gastos de conservación.
Segundo a Avogacía do Estado, hai erros de interpretación ou alteracións sobre as pretensións exercitadas na demanda. Neste sentido, subliña que a sentenza afirma erroneamente que a Administración Xeral do Estado recoñecera na reclamación xudicial a boa fe dos herdeiros do ditador.
"A eventual corrección destes erros e a necesaria interpretación do Tribunal Supremo permitirán sentar con claridade e precisión as bases para a posterior liquidación do estado posesorio", asegurou o Goberno ao anunciaren o recurso de casación.
Malia todo, Pilar López-Riobóo insiste en que o principal do veredicto da Audiencia Provincial da Coruña, emitido o pasado 12 de febreiro, "é a devolución do pazo ao pobo galego".
O concello de Sada felicita o Goberno
O concello de Sada felicitou o Goberno central pola decisión de recorrer a sentenza. As autoridades municipais lembran que foi a primeira institución en considerar a posesión dos Franco como "de mala fe" e soster que existían motivos xurídicos para recorrer.