CRTVG

Buscar

O Goberno aproba medidas para abaratar o recibo da luz un 22 %

Publicado o 14/09/2021 14:36

• Rebaixa o imposto especial eléctrico do 5,11 % ao 0,5 %

• As eléctricas estarán obrigadas a devolver os "beneficios caídos do ceo"

• O PP tacha de "estafa" as medidas para baixar a luz


 

EFE/ Javier Lizón

AXENCIAS

Estas son as medidas aprobadas para baixar o recibo da luz:                

  • Recorte de 2.600 millóns ao beneficio das eléctricas: as eléctricas devolverán os beneficios extraordinarios que están a obter no mercado eléctrico como consecuencia dos altos prezos do gas, unha cantidade que o Executivo cifra en 2.600 millóns cos prezos actuais. Esta norma afectará a centrais nucleares, hidráulicas e renovables cunha capacidade instalada superior a 10 megawatts (MW) sempre que o prezo do megawatt hora no mercado do gas español (MIBGAS) sexa maior de 20 euros.
  • Reforma fiscal: redúcese o imposto da electricidade do 5,11 % ao 0,5 % ata final de ano e amplíase durante o cuarto trimestre a suspensión temporal do imposto á xeración eléctrica do 7% que pagan as produtoras de enerxía. Estas medidas únense á rebaixa do IVE da luz do 21 % ao 10 % que xa aprobou o Goberno o pasado mes de xuño ata que finalice 2021.
  • Poxas de CO2: destinaranse 900 millóns adicionais, ata un total de 2.000 millóns, do recadado polo Estado nas poxas de CO2 para rebaixar os custos do sistema eléctrico na factura dos consumidores.
  • Poxas de electricidade: as grandes eléctricas (Endesa, Ibedrola, Naturgy e EDP) deberán poxar enerxía de forma proporcional á súa cota de mercado ás comercializadoras independentes e os grandes consumidores. As eléctricas poderán rexeitar as ofertas situadas por baixo dun prezo mínimo fixado pola CNMC e a primeira poxa levará a cabo antes de que acabe o ano.
  • Limitar a subida do gas ante a proximidade da baixada de temperaturas: ante a chegada do inverno, no que se prevé un maior consumo de gas, e debido ao encarecemento desta materia prima nos mercados internacionais, o Goberno limitará a subida da tarifa regulada do gas natural ata o 4,6 % na súa próxima revisión trimestral de outubro, en lugar do 29 % que lle corresponde.
  • Nova subministración mínima vital: créase a chamada "subministración mínima vital" coa intención de que a medida se manteña no tempo, ampliando en seis meses a prohibición de cortes na subministración aos consumidores vulnerables. Sumado aos catro meses xa existentes, o Goberno garantirá un abastecemento mínimo de confort durante un total de 10 meses.
  • Maior control ás hidroeléctricas: modifícase a Lei de augas para evitar que se baleiren os encoros polas malas prácticas dalgunhas compañías, que venden a súa produción cando os prezos de mercado están máis altos para maximizar os seus beneficios. Así, fixarase un réxime mínimo e máximo de caudais mensuais a baleirar en cada confederación hidrográfica cando se inicie o ano.
  • Reforma da tarifa regulada: prevese unha reforma da tarifa regulada ou PVPC, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores, para que se incorpore a referencia de prezo da poxa cunha ponderación máxima do 10 %. 

Ribera pediu ás compañías que entendan que se trata de medidas excepcionais. "Confío en que entendan que se trata de medias excepcionais en momentos excepcionais. Son medidas temporais e non están pensadas para perdurar no tempo, senón para dar unha resposta áxil e eficaz para este outono e inverno", sinalo

O Goberno cre que as medidas terán un efecto inmediato no recibo, cunha rebaixa na factura dun consumidor medio do 22 % mensual ata fin de ano. o Goberno prevé que os usuarios paguen este ano pola luz o mesmo que pagaron en 2018, uns 600 euros no caso dun usuario medio cunha tarifa de baixa tensión. Estas medidas permitirán baixar a parte regulada do recibo das facturas finais dos consumidores (cargos) nunha pinza que vai desde o 47,2 % no caso dos fogares ata o 24,5 % no da gran industria.

Ribera incidiu en que a redución esperada na factura non se reflectirá nos prezos almacenistas que se publican cada día, que seguirán subindo, dados os desaxustes no mercado internacional do gas, non só en España senón no resto de países europeos. 

Os seus socios habituais no Congreso celebran as medidas. O líder de Más País, Íñigo Errejón considera que o presidente "foi valente". Para Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso, "isto non é un regalo do Goberno nin de Pedro Sánchez. Isto é porque hai unha serie de grupos parlamentarios, sobre todo de esquerdas, que obrigan semanalmente o Goberno, sobre todo o PSOE, a facer cousas que ás veces non quere facer".

Dende a oposición, cualifican as medidas de remendos. Segundo Pablo Casado, presidente do PP, "este Goberno sempre o arranxa todo metendo a man nas empresas, no cidadán, no traballador, en vez de poñer medidas". Para Edmundo Bal, de Ciudadanos, "o señor Sánchez, o que nos ofrece agora, ademais de populismo, son remendos".

 

 

 

Noticias web

14/09/2021