CRTVG

Buscar

O Goberno prorrogará o salario mínimo de 2020 para dar marxe á negociación

Publicado o 28/12/2020 22:44
O Goberno prorrogará o salario mínimo de 2020 para dar marxe á negociación

O Consello de Ministros prevé aprobar este martes a prórroga do salario mínimo interprofesional (SMI) de 2020, fixado en 950 euros brutos mensuais en 14 pagas, para dar máis marxe á negociación dunha suba con patronal e sindicatos, segundo confirmaron fontes gobernamentais.

As mesmas fontes explicaron que a prórroga non supón unha conxelación, senón unha ampliación da vixencia do SMI de 2020 para poder seguir negociando e dar seguridade xurídica aos traballadores afectados polo SMI, que poderían quedar nun limbo legal a partir do 31 de decembro.

O ano pasado por estas datas, co Goberno socialista aínda en funcións, xa se acordou a prórroga da vixencia do SMI de 2019 ata que se alcanzase un acordo no marco do diálogo social que permitise fixar o de 2020.

O pacto para a subida do SMI do 5,5 % en 2020 asinouse o 30 de xaneiro e o real decreto aprobouse no primeiro Consello de Ministros de febreiro con efecto retroactivo do 1 de xaneiro. A prórroga do SMI de 2020 prodúcese despois de que nos últimos días membros do Goberno de coalición discrepasen publicamente sobre unha eventual suba.

Respecto diso, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, incidiu na importancia de subir a remuneración de quen menos gañan, mentres que a vicepresidenta terceira, Nadia Calviño, avogou por compasar ese incremento coa mellora da situación económica, tendo en conta as dificultades que atravesan moitas empresas.