CRTVG

Buscar

O Goberno proponlles ás comunidades unha rebaixa das taxas universitarias

Publicado o 07/05/2020 16:46

• A proposta de Castells sitúa a primeira matrícula nos prezos que mantén Galicia

O Goberno proponlles ás comunidades unha rebaixa das taxas universitarias

O Ministerio de Universidades propuxo este xoves ás comunidades autónomas reducir o custo da primeira matrícula de Grao para o curso 2020-2021 e acordar un máximo en toda España. A medida presentada por Manuel Castells situaría este prezo a niveis do curso 2011-2012, precisamente o que se mantén en Galicia desde fai nove anos.

Castells trasladou esta posibilidade aos gobernos autonómicos na reunión telemática do Consello Xeral de Política Universitaria. As comunidades estudarán a proposta en próximas datas para analizar o impacto orzamentario desta medida que, segundo o Ministerio de Universidades, tivo "boa acollida" entre os conselleiros.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, trasladou a Castells que esta é, precisamente, a situación na que se atopan estas taxas de Galicia, onde levan "conxeladas" desde ese mesmo ano académico. Unha das posibilidades apuntadas polo Ministerio para lograr esta rebaixa sería a dotación de compensacións para paliar a perda de ingresos como consecuencia da redución do prezo.

Castells pediu ás comunidades autónomas que calculen o custo que lles suporía reducir o próximo curso o prezo da primeira matrícula de Grao para valorar co Ministerio de Facenda a viabilidade desta medida. Segundo explicou no Congreso, o departamento de María Jesús Montero require estas cifras para compensar presupuestariamente ás comunidades. "Non me dixeron que sexa imposible, pero necesito o numeriño", asegurou Castells.

"O trato que chegamos coas comunidades é que me dean un numerito e eu falo con Facenda para ver ata onde podemos chegar", engadiu. Neste sentido, Pomar manifestou o seu desacordo con que territorios que ata o momento tiñan prezos máis altos reciban compensacións por reducilos de cara ao próximo curso, mentres outros como Galicia "non vexan compensado este traballo" mantido durante "case unha década" de contención.

Educación esixiu, así, que se teña en conta "o esforzo orzamentario realizado por Galicia" en beneficio do aforro das familias do alumnado, aínda que estará á espera da proposta por escrito de fixación de prezos mínimos de primeira matrícula que remita o Ministerio de Universidades.

Bolsas

Doutra banda, a conselleira de Educación insistiu a Castells na fixación dos criterios de cara á obtención de bolsas para o próximo curso e que estas teñan en conta as situacións derivadas da crise sanitaria, como a perda de ingresos, a enfermidade dun familiar e os novos prazos de matrícula. "A Consellería está preparada xa para reforzar, se fose necesario, as bolsas existentes para estudantes que sufran causas imprevistas", asegurou, cuxo prazo está aberto durante todo o ano académico e cuxa liña de axudas podería ampliarse para o próximo curso

Durante a reunión coas comunidades deste xoves, Castells advertiu de que, aínda que "é necesario aumentar os recursos das universidades", "non é equitativo" que isto se produza "á conta das matrículas que ten que pagar o estudiantado e as súas familias, particularmente nun momento de tanta penuria económica como o actual".

Outro dos obxectivos é o de harmonizar o custo da universidade para os estudantes ante a disparidade actual de prezos entre comunidades autónomas. "Esta desigualdade territorial na fixación de prezos públicos tamén xera problemas de equidade no acceso aos estudos universitarios", afirman desde o Ministerio.

Segundo os datos oficiais, no curso 2019-2020 o prezo medio do crédito universitario de Grao en primeira matrícula é de 17,03 euros, aínda que oscila entre comunidades. Mentres en Cataluña ou Madrid supérase esta media, Andalucía ou Galicia manteñen prezos máis baixos que o resto de rexións. 

O obxectivo do Ministerio é reducir este primeiro ano as taxas de primeira matrícula de Grao, para continuar en próximos cursos rebaixando progresivamente o resto das taxas ata recuperar os prezos por crédito que existían no curso 2011-2012. Desde entón, asegura o Goberno, o prezo medio encareceuse un 17%.

 Con ese propósito, este pasado martes aprobouse no Consello de Ministros a derrogación do sistema de rangos para prezos públicos de matriculación nos ensinos universitarios implantado en 2012 polo goberno de Mariano Rajoy.

 

Noticias web

07/05/2020