CRTVG

Buscar

O Goberno propón pechar as comunidades na ponte de San Xosé e Semana Santa

Publicado o 09/03/2021 18:00

• O Ministerio de Sanidade exclúe do peche Canarias e Baleares

• A mobilidade nocturna quedaría restrinxida entre as 23 e as 6


O Ministerio de Sanidade propuxo ás comunidades autónomas pechar perimetralmente entre o 17 e o 21 de marzo de 2021 naqueles territorios onde sexa festivo o día 19 de marzo pola ponte de San Xosé (como o é no caso de Galicia), e desde o 26 de marzo ao 9 de abril, período de Semana Santa.

Así se establece no borrador que o Ministerio de Sanidade vai presentar este mércores ás comunidades autónomas durante o pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ( CISNS). No mesmo, exclúese desta limitación as Canarias e as Baleares, onde a entrada nos seus territorios se limitará aos supostos establecidos no Real Decreto 926/2020 do 25 de outubro.

Ademais, o departamento que dirixe Carolina Darias propón limitar durante estas datas a mobilidade nocturna "como máximo" entre as 23.00 horas e as 6.00 horas, e as reunións a un máximo de catro persoas en espazos públicos pechados e seis en abertos, salvo que se trate de conviventes. En espazos privados as reunións limitaranse a conviventes.

No borrador, que será debatido este mércores, Sanidade aconsella ás comunidades autónomas non baixar o nivel de alerta en que se atopa, "aínda que os indicadores sexan favorables", durante as dúas semanas previas ao comezo da Semana Santa (desde o 12 de marzo), mantendo así as medidas establecidas nese momento ou, mesmo, aumentalas se a evolución dos indicadores así o esixise.

Aconséllase non celebrar eventos masivos de calquera índole que impliquen aglomeracións ou concentración de persoas; sinálase que os eventos en espazos pechados deberán seguir as normas de capacidade e outras medidas establecidas no documento de 'Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión do Covid-19 segundo o nivel de alerta de cada comunidade autónoma', e terán en conta o establecido no artigo 7.3 e 4 do Real Decreto 926/2020 do 25 de outubro e o establecido polos decretos das comunidades autónomas.

Do mesmo xeito, Sanidade avoga por realizar unha campaña institucional para evitar a relaxación de comportamentos, co lema "Non salvamos semanas, salvamos vidas", así como incluír a integración nas estratexias de comunicación de elementos dirixidos a reducir o impacto da 'fatiga pandémica' nas medidas de control e expor os escenarios de risco previstos incluíndo a esperanza que achegan os bos resultados das vacinas utilizadas para o control da epidemia.

 

 

Noticias web

09/03/2021