CRTVG

Buscar

O Goberno propón ceas de seis persoas no Nadal só ata a unha da noite

Publicado o 24/11/2020 19:32

• As viaxes que non sexan estritamente necesarias deberán evitarse

• Pouco límite para xuntar a familia e marxe para tomar as uvas

O Goberno propón limitar a seis persoas as reunións familiares e sociais que se celebren durante as festas de Nadal e un confinamento nocturno entre as 01:00 e as 06:00 horas os días 24 e 31 de decembro, Noiteboa e Noitevella respectivamente, segundo se establece no borrador Propostas de medidas de saúde pública fronte á covid−19 para a celebración das festas do Nadal.

Normas e recomendacións para reunións

En concreto, o documento, no tocante ás reunións no ámbito familiar e social, recomenda:

 Limitar a participación aos membros que pertenzan ao mesmo grupo de convivencia, aínda que en caso de que haxa algún membro externo non convivente habitual, as reunións serán de ata un máximo de seis persoas, e débense garantir as medidas de prevención, independentemente de se son familiares ou non.   

 Evitar ou minimizar as reunións no ámbito social (celebracións do traballo, antigos alumnos ou clubs deportivos, entre outros) e, en caso de celebrárense, deberán ser dun máximo de seis persoas e preferiblemente no exterior (ao aire libre ou en terrazas cun máximo de dúas paredes).  

 Non deben acudir persoas que foron diagnosticadas con covid−19 e que aínda están en período de transmisibilidade, teñen síntomas, están a esperar os resultados da proba diagnóstica de coronavirus ou poden estar expostas a alguén con covid−19 nos últimos 14 días.   

Agora ben, lémbrase que en todos os contextos hai que manter as medidas de prevención: uso de máscara todo o tempo posible, lavado de mans frecuente, mantemento da distancia física, maximizar ventilación e actividades ao aire libre, manter as xanelas e portas abertas na medida en que sexa seguro e factible segundo a temperatura e minimizar o número de contactos, preferiblemente sempre os mesmos.

Viaxes e desprazamentos

Respecto ás viaxes, tan habituais nestas festas, a propostas di:

Evitaranse como norma xeral todos aqueles desprazamentos que non sexan estritamente necesarios

• Debe revisarse previamente a normativa que nese momento se aplica no territorio de destino.

• En caso de que se realice unha desas viaxes excepcionais, debe facerse de forma segura e cumprirse as recomendacións indicadas en cada medio de transporte, co uso de máscara, lavado frecuente de mans e mantemento de distancia.

• Os viaxeiros internacionais que cheguen a España deberán contar con proba diagnóstica negativa en caso de proceder de países de risco.

• Quen viaxe ao estranxeiro deberá atender ás normas dos países de destino.

Regreso do estudantado ao fogar familiar

En relación ao regreso á casa dos estudantes universitarios:

• Recoméndase que limiten as interaccións sociais os días anteriores do seu regreso á casa e que extremen as medidas de prevención. 

• Unha vez na casa, deben tratar de limitar os contactos, interactuar sobre todo ao aire libre en lugar de no interior e usar máscaras.

Mobilidade nocturna

Respecto á limitación da mobilidade nocturna:

• Durante as celebracións do Nadal, manterase un confinamento nocturno, non se poderá saír á rúa nos horarios establecidos en cada comunidade autónoma tras a declaración do estado de alarma.

• Os días 24 e 31 de decembro ampliarase o horario, limitarase a mobilidade desde as 01:00 ás 06:00.

Limitacións na rúa

• En coordinación coas entidades locais favorecerase un maior uso do espazo público ao aire libre de maneira que haxa máis espazos dispoñibles para a cidadanía e para a realización de eventos culturais, hostalería e comercio.

• Lémbrase que o consumo de alcol non está autorizado na vía pública, nin o consumo de tabaco e asimilados cando non se poida respectar unha distancia mínima interpersoal de, polo menos, 2 metros.

Eventos de Nadal

• Eventos como a cabalgata de Reis e outros que transcorren nas festas do Nadal supoñen situacións de elevado risco de transmisión pola elevada cantidade de asistentes, a intensidade do contacto e a dificultade para mitigar os riscos asociados. Recoméndase a non celebración deste tipo de evento.

• En calquera caso, os eventos multitudinarios deben ser considerados de forma individualizada polas autoridades de saúde pública seguindo as recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto de nova normalidade por covid−19 en España.

• Recoméndase que se se realizan cabalgatas, se expoñan alternativas que garantan o cumprimento das normas de hixiene e prevención. Un exemplo serían as cabalgatas estáticas con localizacións en lugares onde se poida controlar o acceso ou retransmisións de eventos do Nadal por televisión.

• Outro tipo de eventos realizados en prazas ou lugares concretos, como visitas a instalacións de portais de Belén ou concertos do Nadal, onde se poida controlar o acceso e a distancia interpersoal durante o evento, poderán manterse respectando unha ocupación do 50 %.

Eventos deportivos

• Os grandes eventos deportivos, como o maratón de San Silvestre, poderanse realizar sempre que non interfiran coa limitación horaria da mobilidade nocturna e se se utilizan estratexias para diminuír o contacto entre os corredores (limitación de asistencia, saídas graduais, repartir a participación ao longo de varios días...) e recoméndase que se realicen sen asistencia de público e que se promova a súa retransmisión por televisión.

Eventos culturais

• As actividades do Nadal tradicionais que se celebren en cinemas, teatros, auditorios, carpas de circo ou similar realizaranse respectando a ocupación vixente na comunidade autónoma, sempre que se poida manter un asento de distancia na mesma fila en caso de asentos fixos ou 1,5 metros de separación, se non hai asentos fixos, entre os distintos grupos de convivencia.

• Cando sexa posible, as actividades e exposicións típicas destas festas realizaranse ao aire libre e sempre garantindo que se cumpre a distancia de seguridade para minimizar o contacto entre os asistentes.

Celebracións relixiosas

• As cerimonias relixiosas en espazos pechados seguirán as normas de ocupación establecidas nese momento en cada comunidade autónoma, sempre que se poidan manter a distancia de seguridade.

• Durante a celebración do acto relixioso recoméndase non cantar e usar música pregravada.

• Os eventos relixiosos como a misa do galo poderanse realizar sempre que non interfiran coa limitación horaria da mobilidade nocturna. Poderanse ofrecer como alternativa servizos telemáticos ou por televisión.

Restauración e hostalería

• No interior dos establecementos seguiranse as normas de ocupación establecidas nese momento en cada comunidade autónoma.

• Permitirase ata un máximo de seis persoas por mesa cunha distancia mínima de 1,5 metros entre os comensais dunha mesa e entre mesas diferentes.

• Débese garantir unha adecuada ventilación natural ou mecánica.

• Nas zonas exteriores de establecementos de restauración e hostalería seguiranse as normas de ocupación establecidas nese momento en cada comunidade autónoma. Manterase unha distancia mínima de 1,5 metros entre comensais dunha mesa e entre mesas diferentes e permitirase ata un máximo de seis persoas por mesa.

• Reforzarase a mensaxe de facer uso da máscara cando non se estea comendo nin bebendo e de evitar o picoteo.

• Evitar o consumo de tabaco e produtos relacionados en espazos de uso social e comunitario, incluídas as terrazas.

• As terrazas consideraranse zonas exteriores de establecementos de restauración e hostalería sempre que teña un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos como requisito para permitir a libre circulación do aire.

Comercio

Estas son algunhas medidas en relación ao pequeno comercio, ou grandes rúas ou centros comerciais.

  Débese traballar en coordinación coas entidades locais e promover a compra no pequeno comercio, de veciñanza, xa que favorece a diminución das aglomeracións e a realización de compras graduadas no tempo e minimízase a mobilidade.

• A poboación debe organizar as súas compras con antelación para evitar as grandes aglomeracións en rúas e centros comerciais.

• O pequeno comercio seguirá as normas de ocupación establecidas nese momento en cada comunidade autónoma, garantirase que se mantén a distancia de seguridade. Se isto non é posible, permitirase o acceso ao local a un cliente soamente.

• Os grandes centros comerciais e as grandes rúas comerciais seguirán as normas de ocupación establecidas nese momento en cada comunidade autónoma e deberán ter un control de acceso.

• Poderanse organizar mercados do Nadal se se manteñen as ocupacións establecidas nese momento en cada comunidade autónoma e sempre que sexan ao aire libre e se poida manter a distancia de seguridade.

Centros sociosanitarios

• Durante as datas do Nadal poderase ampliar o número de visitas aos centros, garantirase que se cumpren as medidas de hixiene e prevención e a distancia de seguridade.

Ao reingreso dun residente nun centro sociosanitario realizarase unha proba de diagnóstico de infección activa e os días posteriores ao reingreso extremaranse as medidas de vixilancia e prevención.

Transporte

• Durante o período do Nadal, as administracións competentes asegurarán o aumento da frecuencia de horarios do transporte público ao máximo para evitar as aglomeracións e posibilitar o cumprimento da ocupación, garantirase unha adecuada ventilación e que a poboación cumpre as medidas de prevención que inclúen non falar nin comer e facer un uso correcto da máscara.

• Sempre que sexa posible, os desprazamentos realizaranse en transporte ao aire libre e seguro, priorizarase camiñar ou ir en bicicleta. Favorecerase unha repartición do espazo público que promova as actividades que se realizan camiñando ou en bicicleta nas proximidades do domicilio, mediante a peonalización de espazos, a creación de carrís bici ou o mantemento dos parques abertos.