CRTVG

Buscar

O Goberno propón máscara obrigatoria e clases presenciais no vindeiro curso

Publicado o 13/05/2021 14:29

• O borrador mantén os grupos burbulla ata os 12 anos e pasa a distancia de seguridade de 1,5 a 1,2 metros

As clases presenciais garantiranse o vindeiro curso en todos os niveis e etapas do sistema educativo nas comunidades autónomas con baixo risco de contaxio, a máscara seguirá sendo obrigatoria desde os seis anos e nalgúns casos poderase reducir a distancia de seguridade de 1,5 a 1,2 metros dentro da aula.

Así consta na proposta de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte á covid−19 no curso 2021-2022 que os ministerios de Sanidade e Educación enviaron ás autonomías. O borrador, que está suxeito a cambios, analizarase este xoves na Comisión de Saúde Pública e o venres na Comisión de Educación.

Despois, aprobarase o vindeiro mércores, día 19, na xuntanza sectorial entre as comunidades autónomas, Sanidade e Educación, segundo anunciou a ministra Isabel Celaá.

Conforme o borrador, os centros estarán abertos todo o curso e asegurarán os servizos de comedor; haberá unha persoa responsable para os aspectos relativos á covid−19 que funcionará como interlocutora cos servizos sanitarios.

Garantirase "a máxima presencialidade para todos os niveis e etapas do sistema educativo polo menos no escenario de nova normalidade, nivel de alerta 1 e 2". No primeiro caso, cunha incidencia por baixo dos 50 contaxios por 100.000 habitantes e no segundo, cunha incidencia entre os 50 e os 150.

Nos niveis de alerta 3 e 4, no caso excepcional de que non se puidesen cumprir as medidas, establécese a posibilidade de pasar á semipresencialidade só a partir de 3.º da ESO, engade o documento.

A suspensión xeneralizada da actividade lectiva presencial de xeito unilateral por parte dunha comunidade autónoma só poderá adoptarase en situacións excepcionais, tras a presentación no Consello Interterritorial de Saúde.

Distancias de seguridade

De xeito xeral, manterase unha distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas adultas no centro educativo e manterase o uso da máscara independentemente da distancia.

Ademais, nas aulas de secundaria, bacharelato, formación profesional de grao básico e ensinos oficiais de idiomas, a distancia será de 1,5 metros, "con posibilidade de flexibilizar ata 1,2", subliña o borrador. 

Noticias web

13/05/2021