CRTVG

Buscar

Os restos de Franco chegan ao cemiterio do Pardo-Mingorrubio

Publicado o 24/10/2019 14:29

• A familia do ditador portou o cadaleito • Os restos de Franco van no ataúde orixinal

Chega tras un ano de liortas xudiciais e reproches políticos • Sigue en directo a xornada

Aterra o helicóptero cos restos de Franco preto do cemiterio de Mingorrubio

Aterra ás 13:56 horas o helicóptero cos restos de Francisco Franco nunha zona próxima ao cemiterio do Pardo-Mingorrubio. Xunto ao cadaleito viaxaron, entre outros, Francis Franco, un dos netos do ditador; o avogado da familia, Luís Felipe Utrera-Molina, e a ministra de Xustiza en funcións, Dolores Delgado, testemuña da exhumación no Val dos Caídos como notaria maior do Reino.

Co espazo aéreo pechado entre o Val dos Caídos e O Pardo, o voo durou pouco máis dun cuarto de hora, mentres grupos de simpatizantes de Franco, entre os que se atopa o golpista Antonio Tejero, esperaban nas proximidades do cemiterio de Mingorrubio entre aclamacións ao ditador e berros en contra de Pedro Sánchez.

O féretro será trasladado nun coche fúnebre ata o camposanto, onde Franco será enterrado no panteón no que está a tumba da súa muller, Carmen Polo.

O cemiterio está xestionado polo Concello de Madrid, pero o panteón é propiedade de Patrimonio Nacional, a través dunha concesión da que restan uns 40 anos. O Goberno ofreceu a venda desta concesión á familia, que a rexeitou.

Os familiares de Franco chegaron por estrada

Os familiares de Franco chegaron ao cemiterio de Mingorrubio-O Pardo, onde esperan xa o coche fúnebre cos restos do ditador despois de que aterrase hai uns minutos nun terreo próximo o helicóptero que trasladou o féretro desde o Val dos Caídos.

Tras sacar aos ombreiros o cadaleito da basílica do Val dos Caídos, os netos e bisnietos de Franco trasladáronse por estrada ata Mingorrubio, onde chegaron ás 14.15 horas a bordo de tres furgonetas e cinco coches.

Os familiares atravesaron á súa chegada unha concentración duns 200 simpatizantes do ditador próxima ao cemiterio, cuxos asistentes corearon vivas a Franco e cantaron o Cara ao sol e himnos militares como A morte non é o final.

Á concentración sumouse o ex-tenente coronel da Garda Civil que encabezou o errado golpe de estado do 23 de febreiro de 1981, Antonio Tejero.

Ao seu paso pola concentración, os familiares saudaron desde os coches os simpatizantes, que están a uns 250 metros do cemiterio, e mesmo se achegou unha furgoneta ata onde estaba Tejero sen que ninguén baixase dela. "Non estades sós", gritáronlles.

Espérase que dentro duns minutos a comitiva co coche fúnebre que leva o féretro de Franco chegue ao cemiterio desde o terreo adxacente titularidade de Patrimonio Nacional onde aterrou o helicóptero. 

O cadaleito de Franco foi trasladado en helicóptero 

O helicóptero engalou co cadaleito de Franco rumbo ao cemiterio de Mingorrubio ás 13.40 horas.

O cadaleito foi asegurado dentro da aeronave do Exército do Aire. Posteriormente, a familia saíu en coches en dirección ao cemiterio de Mingorrubio.

A engalaxe do helicóptero produciuse unha media hora despois, de xeito coordinado para chegar ao mesmo tempo ao cemiterio, onde vai ser inhumado, ao mesmo tempo que a familia.

Os restos de Franco saen da basílica do Val dos Caídos

Os restos de Francisco Franco saíron da basílica do Val dos Caídos pasadas as 12:55. A ombros dos seus familiares, entre eles os seus netos Francis, Jaime e Cristóbal e o seu bisneto Luis Alfonso de Borbón, o féretro traspasou a porta da basílica de Cuelgamuros, na que o ditador estaba enterrado desde a súa morte en 1975.

Por decisión da familia e a pesar dos danos que presenta, os restos foron portados no féretro orixinal -tapado cunha tea de cor marrón- co que foi inhumado hai case 44 anos e que conta cunha parte interna de zinc selada e outra externa de madeira.

Estimábase que a retirada do cadaleito do ditador durase algo máis dunha hora. 

Os familiares de Franco acceden á basílica para asistir á exhumación

Os familiares de Francisco Franco, na súa maioría netos e bisnetos, xunto ao resto de autoridades e o seu avogado, Luís Felipe Utrera-Molina, accederon ao interior da basílica do Val dos Caídos pasadas as 10:20 para asistir á exhumación do ditador.

Xunto á familia, dentro da basílica só estaban os operarios estritamente necesarios para extraer a laxa que cobre a tumba, así como un forense, a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, como notaria maior do Reino, e altos cargos do Ministerio de Presidencia.

Todos pasaron antes por un detector de metais para evitar a entrada de calquera dispositivo de gravación e o perímetro da tumba estará cuberto cunha carpa á que só entrarán dous familiares -Cristóbal e Merry Martínez-Bordiú- e o persoal indispensable.

Os netos do ditador -Francis Franco, Carmen, Merry, Mariola, Arancha, Cristóbal e Jaime Martínez- Bordiú-, os seus cónxuxes, e os bisnetos de Franco chegaron en varios vehículos diante da basílica pouco antes de que comezase o proceso de exhumación.

O primeiro en saír dos vehículos foi o avogado da familia, Luís Felipe Utrera Molina, seguido dun dos bisnietos do ditador, Luís Alfonso de Borbón.

Todos os familiares visten de escuro e levan un lazo coa bandeira española; un deles porta un ramo de rosas e unha coroa coa lenda "a túa familia".

Segundo comentou esta mañá Francis Franco aos medios que esperaban na porta da súa casa, á  exhumación asisten todos os netos e todos os bisnietos que están en España.

"O que buscan é que pareza que o meu avó está só", dixo o neto do ditador, que cando saíu da súa casa portaba unha bandeira preconstitucional.

A causa deste xesto, o Goberno recordoulles aos Franco que non está permitido o uso de bandeiras nin doutros símbolos nin durante o proceso de exhumación nun durante o traslado. Non obstante, se a familia quixese empregar algún símbolo no interior do panteón, xa no ámbito privado, o Goberno non se oporía.

A Fundación Franco asegura que non se rende en defensa de legado do ditador

A Fundación Francisco Franco asegurou nun comunicado, con motivo da exhumación dos restos do ditador este xoves do Valle dos Caídos, que "aquí non se rende ninguén" na defensa do seu legado e que seguirá "sempre na brecha" tanto ante as administracións públicas como a xustiza.

Nun texto titulado "A guerra continúa: aquí non se rende ninguén", o presidente da Fundación, Juan Chicharro, advirte: "Si, hoxe perdemos unha batalla, o inimigo alcanzou un obxectivo parcial, pero en ningún caso perdemos a guerra", e insta os "señores socialistas e comunistas" a non "vangloriarse" tanto.

Ao seu xuízo, hoxe só se conseguí exhumar uns "restos", pero Franco "está na historia e xamais a poderán borrar dela" e nunca conseguirán unha vitoria, coa que pretenden, como fin último, "borrar do mapa todo vestixio que o que significou para España Franco, incluída por suposto a propia Monarquía".

Chicharro reprocha que nesta batalla, tiveron como "apoios relevantes por acción ou omisión" á xerarquía eclesiástica, "confusa e débil" que xa non merece o respecto de "ningún católico decente"; ao poder xudicial, como "dócil colaborador" do Goberno; e ao PP.

Ao PP critícalle que "sempre estivo de perfil atento só aos seus intereses particulares de partido e ás súas corruptelas particulares sen interesarlle o máis mínimo o de moitos dos seus votantes aos que traizoou primeiro o señor Rajoy e logo o señor Casado".

Tamén recrimina o "silencio que non deixa de ser triste" da Monarquía e as Forzas Armadas.

E conclúe cun aviso ao Goberno socialista en funcións para que non pense que "isto se acabou", senón que a Fundación aínda que son poucos pero seguirán "fieis ao seu credo", ao contrario que a "traidora" Xerarquía Eclesiástica, sobre a que "caerá o sangue de tantos mártires torturados e asasinados".