CRTVG

Buscar

O Goberno portugués quere manter as restricións actuais 15 días máis

Publicado o 24/02/2021 15:22

Os hostaleiros e negocios da raia seguen esperando a que Portugal flexibilice medidas, algo pouco probable de momento porque a cepa británica no país veciño xa supón entre o 50 e 60 % dos novos positivos por coronavirus. A súa expansión levounos a pechar escolas e tamén a restrinxir o paso nas fronteiras con Galicia, e parece que así vai continuar ata mediados de mes.

Nos vindeiros días teñen que renovar o estado de emerxencia e tanto o Goberno como o presidente da República xa avanzaron que non van cambiar nada do decreto. É dicir, que o confinamento xeral, o peche das escolas e as restricións na fronteira como esta de Tui-Valença van seguir polo menos ata o 15 de marzo.

A cuestión aínda ten que pasar a votación no Parlamento e a oposición esixe un plan de desescalada. Veremos canta presión fan tamén os alcaldes da raia neste aspecto, aínda que parece que todo está decidido. 

Noticias web

24/02/2021