CRTVG

Buscar

O Goberno portugués pecha perimetralmente Lisboa "para evitar a expansión do virus"

Publicado o 18/06/2021 19:27
O Goberno portugués pecha perimetralmente Lisboa "para evitar a expansión do virus"

Cando Portugal presumía de estar á cabeza de Europa na loita contra a pandemia, un novo revés obriga a cercar desde hoxe Lisboa e a súa área metropolitana, onde se rexistra o groso dos contaxios, para protexer o resto do país.

A medida, en vigor entre venres e luns, sorprendeu os portugueses, que vían xa a luz ao final dun túnel que os levou a dous severos confinamentos -o último no primeiro trimestre deste ano- e que deixou máis de 17.000 mortos nun país de 10 millóns de habitantes.

Aínda que Lisboa e o Val do Texo -a zona máis poboada do país- sempre estiveron, xunto ao Norte, á cabeza en canto a contaxios, as cifras disparáronse nas últimas semanas, cunha incidencia que se achega na capital aos 300 casos por cada 100.000 habitantes.

Os veciños de Lisboa poden moverse entre os 18 distritos da capital e a súa área metropolitana, pero non cruzar os seus límites. Tampouco desde outras cidades se pode entrar, aínda que hai un amplo abanico de excepcións, desde os desprazamentos por traballo, por enfermidade ou por causa de forza maior ata as viaxes internacionais de turismo xa programados.

A medida, que afectará 2,9 millóns de persoas, ao redor do 30 % da poboación do país, aplicarase durante as fins de semana ata que baixen as cifras.

"Se non adoptamos medidas, a pandemia seguirá crecendo", alertou hoxe o primeiro ministro portugués, António Costa, quen reiterou que "é unha cuestión de sentido común". "Cando miro á realidade dos números e percibo que o problema está centrado na área metropolitana de Lisboa e o resto do país está esencialmente tranquilo, teño que evitar a expansión cara ao resto do país", explicou.

O peche perimetral de Lisboa, lembrou, é unha medida entre outras tomadas polo Goberno ante o avance do virus, como reducir o intervalo para tomar a segunda dose de AstraZeneca, multiplicar os puntos de vacinación en Lisboa e establecer tests masivos para celebracións sociais, como as vodas. Pero, a responsabilidade individual xoga un papel decisivo: "O comportamento duns poucos pode destruír o traballo de moitos", advertiu o primeiro ministro.

As cifras seguen subindo. Portugal notificou hoxe 1.298 novos contaxios, en liña cos dous últimos días, en que se están rexistrando niveis que non se vían desde febreiro. Dous terzos detectáronse na rexión de Lisboa.

Noticias web

18/06/2021