CRTVG

Buscar

O Goberno di que o ingreso mínimo vital será realidade "en semanas" e chegará a 3 millóns de persoas

Publicado o 15/04/2020 21:12
O Goberno di que o ingreso mínimo vital será realidade "en semanas" e chegará a 3 millóns de persoas

O ministro de Inclusión e Seguridade Social avanzou este mércores que o ingreso mínimo vital se porá en marcha "en semanas", dixo textualmente. Aínda que non concretou máis, varios medios apuntan que o Goberno porá en marcha esta medida xa no mes de maio.

O ingreso mínimo vital supón enterrar a renda social extraordinaria para os máis afectados pola emerxencia do coronavirus, pero acelerará a entrada en vigor desta prestación. Será o propio ministro Escrivá o encargado de sacala adiante.

José Luis  Escrivá, afirmou este xoves á mañá que se seguen "pechando flocos" sobre a renda mínima, cuxo anuncio pode ser "inminente", e que chegará a 3 millóns de persoas nun 1 millón de fogares, dos que 100.000 serán monoparentais.

En declaracións na Cadena Ser, Escrivá apuntou que "entra no posible" que se anuncie hoxe mesmo e que se traballa a "marchas forzadas" para levar a normativa canto antes ao Consello de Ministros. Escrivá negou "presión" desde Podemos para acelerar o proceso e dixo que hai acordo dentro do Goberno de que isto urxe.

Tamén defendeu o carácter permanente da medida, "non ten sentido que sexa unha medida ponte", e subliñou que terá "un custo significativo" a cargo da Seguridade Social sen dar máis detalles de contías.

Escrivá tamén sinalou que a prestación por cesamento de actividade pode chegar a 1,4 millóns de autónomos, a metade do colectivo.

O ministro reúnese ás 10.30 cos axentes sociais e con outros membros do Goberno, polo que ese eventual anuncio da renda mínima xunto á vicepresidencia terceira do Goberno que lidera Pablo Iglesias sería despois. 

Noticias web

15/04/2020