CRTVG

Buscar

O Goberno ofrécelles ás autonomías rebaixar dúas décimas o obxectivo de déficit

Publicado o 07/02/2020 20:50

• A proposta de Facenda non convence a maioría das comunidades, entre elas Galicia, que insisten en esixir o pago do IVE 


O Consello de Política Fiscal e Financeira, que reúne o Goberno e as quince comunidades de réxime común, comezou pasadas as 17.00 horas co anuncio previo do Ministerio de Facenda de relaxar en dúas décimas os obxectivos de déficit das comunidades autónomas para 2020. Este anuncio, que colleu por sorpresa os conselleiros, supón que as comunidades autónomas poidan incorrer nun déficit do 0,2 por cento do PIB este ano, fronte ao equilibrio orzamentario que se prevía para 2020 polo Goberno de Mariano Rajoy. En 2021, o obxectivo do déficit autonómico sería do 0,1 por cento do PIB e estúdase equilibrio orzamentario para os dous anos seguintes, 2022 e 2023.

Ademais destes obxectivos de estabilidade, o Consello deberá abordar, a petición dos gobernos autonómicos, os 2.500 millóns que Facenda debe ás comunidades por atrasos na liquidación do IVE/IVE autonómico. Aínda que a reclamación do IVE de decembro de 2017 non está na orde do día, os gobernos autónomos, dun e outro signo político, esixiu que se puxese a debate tras asegurar o Goberno que "non era factible" asumir o pago desa débeda. De feito a rebelión das comunidades, obrigou o Goberno a anunciar que na reunión poderían estudarse "medidas paliativas" para liquidar o asunto.

No Consello, o Goberno tamén informará as comunidades da débeda pública para 2020 e para o período 2021-2023 e presentará unha senda máis transitable, que permita reducir o déficit e a débeda pero que non afecte a creación de emprego nin o crecemento económico. Outro asunto que si está na orde do día é informar as rexións das conclusións do comité técnico permanente de avaliación sobre o sistema de financiamento autonómico e do grao de cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública das comunidades en 2018. 

A maioría de comunidades rexeitan a proposta de Facenda


A maioría de comunidades autónomas que acudiron esta tarde ao Consello de Política Fiscal e Financeira insistiron en reclamar o IVE de 2017 pendente e en desligalo do déficit do 0,2% do PIB que lles vai a ofrecer Facenda para este ano, porque son conceptos diferentes e non se poden compensar. Así se expresou, por exemplo, a conselleira socialista das Illas Baleares, Rosario Sánchez Grau, quen deixou claro que "o déficit non é compensación da cuestión do IVE".

Galicia salienta que a débeda e o déficit son "conceptos distintos"

Este goberno como outros non descarta a vía xudicial para reclamar a cobranza. En termos parecidos manifestáronse os populares Javier Fernández- Lasquetty (Madrid) e o conselleiro de Facenda galego,  Valeriano Martínez. Este último recalcou que son "conceptos distintos" e que ademais "permitir máis déficit é permitir máis débeda", cando os fondos do IVE eran recadación.

"Non fai falta saber moito de economía. Estásenos dando débeda, pero os recursos en orixe non eran débeda. Isto hai que devolvelo, devolver o que era noso en orixe non é o mesmo", concluíu.