O Goberno negociará coa Xunta, pero mantén o recurso contra a Lei de saúde
•Feijóo e o delegado do Goberno reúnense este martes

A Xunta e o Goberno central acordaron iniciar os trámites para convocar a comisión bilateral de cooperación en que se tratarán de clarificar as discrepancias xurdidas sobre a Lei de saúde de Galicia. A reunión técnica deste luns non permitiu eliminar as diferenzas, polo que o recurso ante o Tribunal Constitucional (TC) que impulsa o Estado seguirá a súa tramitación.
Así o ratificou a Xunta nun comunicado no que explica que o Executivo central trasladou ao galego a súa intención de non retirar o recurso de inconstitucionalidade que está pendente de ser admitido a trámite polo alto tribunal (e na súa listaxe inmediata de asuntos a abordar no pleno desta semana).
A Xunta tamén incide en que o Executivo central "descarta levantar a súa suspensión". E é que o que di a normativa é que, se o Goberno central pediu a suspensión cautelar dos preceptos que recorre e estes son admitidos a trámite polo TC, quedarían suspendidos.
A Xunta afirma que "lamenta e non comparte" esta decisión do Goberno central "sen que leve a cabo unha negociación previa no marco da comisión bilateral" e considera que "se produce así un trato discriminatorio fronte a outras comunidades que regularon cuestións que recolle a Lei de Saúde de Galicia cunha norma con rango de lei".
A pesar de todo, sostén que mantén a vontade de "debater e avanzar neste tema".
Feijóo e o delegado do Goberno reúnense este martes
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o recentemente nomeado delegado do Goberno, José Miñones, reúnense este martes co conflito da lei galega de saúde sobre a mesa. Concretamente, o máximo mandatario galego recibirá o representante do Estado en Galicia ás 12:30 horas na sede da Xunta en San Caetano, tras o que está previsto que haxa declaracións.
Á marxe desta cuestión, encima da mesa hai outros asuntos que implican a ambas administracións e, de feito, o propio secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, expuxo o pasado venres, cando transcendeu o encontro. Así, os populares puxeron como "deberes" tamén lei de cambio climático, que a Xunta pretende levar ao TC, "o desmantelamento" da industria galega, o "abandono" do naval ou "o ataque orzamentario e a inxusta repartición de fondos".