CRTVG

Buscar

O Goberno nega que Delcy Rodríguez falara con Pedro Sánchez desde Baraxas

Publicado o 06/02/2020 14:49

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, insistiu este mediodía en que non falou coa vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, cando ela se atopaba no aeroporto de Baraxas, e lamentou a "mentira" publicada.

Na rolda de prensa na Generalitat tras a súa reunión con Torra, Sánchez respondía así a unha pregunta sobre a información que publicou hoxe ABC segundo a cal Rodríguez falou co presidente para pedirlle que non recibise a Juan Guaidó, entre outras cuestións.

"Dá a sensación que a mentira se confundiu co xornalismo; reivindico o xornalismo", dixo Sánchez, quen insistiu en que é "absolutamente falso" o publicado, e lamentou que o citado medio de comunicación non contrastase co Goberno a súa información.

Engadiu que os cidadáns "teñen dereito a estar informados, e non a través de mentiras", e lamentou "honestamente" este episodio.

Na información que ABC publicaba este xoves dise que Delcy Rodríguez lle pediu a Pedro Sánchez desde Baraxas que non se reunise con Juan Guaidó durante a visita a España do presidente encargado de Venezuela, poucos días despois. O xornal madrileño sostén que Rodríguez falou con Sánchez polo móbil persoal de José Luis Ábalos, con quen estaba nese momento.

A polémica polo encontro entre o ministro de Transportes e a número 2 de Nicolás Maduro creceu día a día desde que se fixo pública. Nun principio, Ábalos criticou o interese mediático por algo ao que non lle concedía a menor relevancia.

Co paso dos días, o saúdo foi medrando de duración e intensidade, ata se converter nunha intervención esencial para evitar toda unha crise de Estado. Pedro Sáchez apoiou esa última tese.

A oposición denunciou a Ábalos ante a Fiscalía e esixiulle que ofreza explicacións no Congreso, onde pediron que se cree unha comisión de investigación sobre este asunto.

Noticias web

06/02/2020