CRTVG

Buscar

O Goberno nega a débeda de 170 millóns coa Xunta

Publicado o 25/02/2020 20:31

O PP leva ao Senado o reclamo dos 170 millóns de euros dos incentivos que o Goberno Rajoy lle ofreceu á Xunta por cumprir os obxectivos de déficit en 2017 e 2018. A ministra responde que non teñen a obriga de facelo.

Elena Muñoz, do PP, pregúntase: "Como podemos pensar que unha comunidade como Galicia, que cumpriu o déficit público, que paga o que debe, que non gasta o que non ten, deberían tomar vostedes nota, que podemos esperar máis que lle recoñeceran ese esforzo e lle pagaran o que a lei permite?".

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, responde que "esa cantidade que vostedes cifran en 170 millóns non provén de ningunha obriga legal. O cálculo foi absolutamente unilateral por parte do Goberno de Galicia, e non hai ningunha esixencia que así o prevexa".

A deste martes foi a primeira comparecencia de Pedro Sánchez na cámara alta nesta lexislatura. O PP preguntoulle quen ordenou a José Luis Ábalos verse coa vicepresidenta de Venezuela en Baraxas e evitar a súa detención.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno, explicou que "o señor Ábalos considerou, con moi bo xuízo, que era preferible a segunda vía. Entre forzar ou evitar unha crise diplomática, o señor Ábalos elixiu o segundo: evitar unha crise diplomática. Señor Maroto, onde está o reproche?".

Para Javier Maroto, do PP,  "a mentira é a peor cualidade de calquera político, peor mesmo que a ineficacia. E vostede, señor Sánchez, sen poñerse colorado, mente".

Noticias web

25/02/2020