CRTVG

Buscar

Sánchez garante a integridade territorial de España "con todos os medios"

Publicado o 18/05/2021 04:12

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que a integridade territorial de España e a tranquilidade da cidadanía de Ceuta e Melilla está garantida "con todos os medios necesarios" e ante calquera eventualidade ou circunstancia. Ademais, anunciou que viaxará ás dúas cidades autónomas hoxe mesmo. 

Foi nunha declaración institucional no Palacio da Moncloa, tras o Consello de Ministros, logo da chegada ilegal de milleiros de persoas, a maioría de orixe marroquí, á cidade de Ceuta nas últimas horas. 

Segundo dixo, vai ser "firme" no restablecemento da orde na fronteira con Marrocos e para garantir a seguridade fronte a calquera desafío. Salientou que se trata dunha grave crise para España pero tamén para a Unión Europa.

Neste sentido, subliñou que a "integridade" vai ser defendida con todos os medios necesarios e co apoio comunitario. Con todo, quixo deixar claro que Marrocos é un país "socio e amigo" e así debe seguir sendo.

Devolución a Marrocos

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, confirmou a devolución a Marrocos de 2.700 das 6.000 persoas que entraron nas últimas horas ilegalmente en Ceuta.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, asegurou que o Goberno está a poñer dende o primeiro momento todos os medios necesarios para protexer a cidadanía de Ceuta e devolver "polas canles establecidas" a xente que está entrando de xeito irregular na cidade autónoma.

Segundo declarou, "Ceuta é tan España como Madrid, Sevilla ou Barcelona" e o Executivo "non vai afrouxar nin un minuto" para reverter a situación e seguirá "sendo contundente na defensa das fronteiras". 

Marlaska confirmou que o continxente de 200 efectivos (da Policía Nacional e da Garda Civil) especializados en seguridade cidadá, estranxeiría e fronteiras, anunciados este luns, xa están na zona.

Estes axentes súmanse aos 1.100 de ambos os dous corpos que traballan de xeito permanente na cidade autónoma e que configurarán tamén patrullas conxuntas coas Forzas Armadas alí despregadas.

O ministro cualificou a situación de "extraordinaria e excepcional" polo que a resposta do Executivo é tamén "extraordinaria", cos medios "precisos e necesarios para defender a integridade das nosas fronteiras". 

"Son tres anos de política migratoria, co reto de fluxos migratorios aos que se enfronta Europa nos que, como noutras ocasións, se soubo dar resposta", garantiu. Ademais, sinalou que viaxará de inmediato a Ceuta e reunirase con mandos policiais, o delegado do Goberno e o presidente da cidade autónoma, Juan Jesús Vivas. 

Condena das mensaxes xenófobas

Pola súa banda, a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, quixo lanzar unha mensaxe de "tranquilidade, confianza e solidariedade" coa cidadanía española de Ceuta, Melilla e as localidades do sur da Península. Do mesmo xeito, condenou de xeito "claro e rotundo" as mensaxes xenófobas que buscan criminalizar as persoas migrantes.

"O último que necesita unha crise é que dirixentes políticos utilicen o odio e o medo",  advertiu Montero antes de pedir "responsabilidade, prudencia e sentido de Estado".

"Crise diplomática"

Os partidos políticos tamén se pronunciaron sobre o ocorrido. Para o presidente do PP, Pablo Casado, esta entrada masiva de milleiros de persoas de xeito irregular é unha crise "diplomática", da que xa alertara e que foi "incomprensiblemente ignorada ou ocultada polo Goberno de España".

Pola súa banda, a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) e a ONG Andalucía Acolle, lamentaron a crise migratoria da cidade autónoma e esixíronlle a Marrocos que non “instrumentalice as persoas migrantes como ferramenta de presión". A España pídelle que non ceda a este tipo de estratexias.

O como

Familias enteiras con nenos -algúns deles bebés-, mozos e menores de idade non acompañados bordearon os espigóns do Tarajal e Benzú que marcan a fronteira entre os dous países, a maioría a nado, pero tamén a pé. Un mozo morreu afogado.

Marrocos mantiña pechada desde había máis dun ano a estrada que vai cara ao posto fronteirizo de Ceuta pola crise sanitaria, pero comezaron a correr rumores sobre a retirada das forzas de seguridade da zona: a ausencia de controis provocou un efecto chamada que se traducíu en ringleiras interminables para cruzar desde a veciña cidade de Castillejos, a onde chegou xente de distintos puntos do territorio marroquí.

A Delegación do Goberno confirmou a entrada dunhas 6.000 persoas, case un terzo menores, a maioría de orixe marroquí pero tamén subsahariana. Fontes policiais cren que poderían ser case o dobre. O Ministerio do Interior reforzou o control fronteirizo e o persoal específico de Estranxeiría para axilizar os trámites de devolución, en aplicación dun acordo con Rabat de hai tres décadas. 

O porqué

Nos dous países hai voces que relacionan a pasividade das forzas da orde de Marrocos coa hospitalización en España do líder da Fronte Polisario, enfermo de covid-19. A ministra de Exteriores, Arancha González Laya, di que non concibe que se poidan poñer vidas en perigo "en resposta a unha acción humanitaria".

O presidente ceutí, o popular Juan Jesús Vivas, pediulle ao Goberno unha resposta "contundente e proporcionada" para restablecer a normalidade "de xeito inmediato".

O Ministerio de Defensa mobilizou varias unidades do Exército de Terra para colaborar coas forzas e corpos de seguridade do estado e coa Policía Local nos labores de control nas rúas da cidade autónoma, polas que deambulan grupos de inmigrantes. Tamén activou a Unidade de Apoio Loxístico para que habilite un dos campos de fútbol para acoller unha parte deles; os menores distribúense entre un albergue e unhas naves.