CRTVG

Buscar

O Goberno italiano estuda dar o aprobado xeral aos estudantes pola COVID-19

Publicado o 06/04/2020 19:53
O Goberno italiano estuda dar o aprobado xeral aos estudantes pola COVID-19

O Goberno de Italia estuda outorgar un aprobado xeral a todos os estudantes este curso, unha medida que busca que ningún quede atrás como consecuencia da emerxencia do coronavirus, que causou máis de 16.000 falecidos e obrigou a pechar escolas e universidades no país. 

Segundo o borrador dun decreto que o Executivo presentará previsiblemente en conferencia de prensa nas próximas horas e que publican hoxe os medios locais, todos os estudantes serán aprobados, con independencia da súa nota nos primeiros meses do curso escolar, e pasarán ao seguinte de forma automática.

Non terán exames e serán cualificados polo seu rendemento no ano, tamén durante os últimos meses nos que recibiron educación a distancia. Aqueles que presentasen algunha carencia terán que recuperar esas materias en setembro. 

O Goberno deseñou dous escenarios que viran ao redor da data do 18 de maio, dependendo de se para entón as clases se renovan, aínda que a hipótese de que non sexa así é a máis plausible. Se o 18 de maio reabren os colexios, haberá catro semanas de clases presenciais para todos os estudantes. 

Os alumnos que teñen que facer a proba de acceso á universidade e aqueles de 14 anos que teñen que examinarse a nivel nacional obrigatoriamente en Italia para continuar cos seus estudos secundarios superiores farán unha proba escrita similar á que se realiza habitualmente. 

Porén, se o 18 de maio a actividade docente non volve ás aulas, os estudantes que teñen que acceder á universidade farán unha proba oral nalgunha plataforma dixital, mentres que os de 14 anos non se someterán a exame algún. 

A ministra italiana de Educación, Lucia Azzolina, dixo recentemente aos medios que o Goberno non ten a certeza de que os estudantes puidesen acceder nas mesmas condicións á educación a distancia ofrecida polos colexios estes meses e, por iso, non se lles pode impoñer exames. O decreto tamén prevé a contratación de 4.500 profesores que cubrirán postos vacantes de xubilados desde o verán de 2019. 

O Executivo italiano aprobou un confinamento total a nivel nacional e a suspensión de todas as actividades produtivas non esenciais ata o 13 de abril para tentar conter o virus, aínda que no país dáse por descontado que se alongará ata maio, como recomendou Protección Civil.

O Sindicato de Estudantes pide o aprobado xeral e a eliminación de todos os exames

No caso de España, dende o Sindicato de Estudantes esixen ás administracións educativas a "cancelación de todos os exames", incluída a proba de acceso á universidade, e "que todos os e as estudantes pasen de curso" este ano tras a suspensión das clases presenciais en todos os centros educativos españois pola pandemia do coronavirus.

Esta organización estudantil sostén que esta medida excepcional evitaría a "expulsión do sistema educativo" dos mozos con menos recursos, sobre todo aqueles para os que non poden seguir as clases en liña por carencia de dispositivos informáticos ou conexión a internet nos seus fogares.

"Os e as estudantes de familias máis humildes temos todas as de perder: a nós non nos poden axudar en casa en moitos casos e por suposto non temos fibra óptica, nin clases particulares, nin espazosas e iluminadas habitacións para estudar e recuperar o tempo perdido. Sen acceso á tecnoloxía necesaria para seguir o temario estamos condenados a repetir curso ou, directamente, a ser expulsados do sistema educativo", argumenta a organización nun comunicado.   

O Sindicato de Estudantes propón que, tras o aprobado xeral, haxa unha "reorganización dos plans de estudo" para que todo o alumnado recupere o próximo curso "os contidos esenciais" que non se puideron impartir presencialmente polo peche das aulas.

Para o acceso á universidade, esta organización propón, ademais de cancelar a Selectividade, a "supresión das notas de corte" e "prazas suficientes" en todas as titulacións. Ademais, reclama "a devolución inmediata da matrícula universitaria íntegra do segundo semestre" deste curso pola suspensión das clases desde o 16 de marzo.

Este martes, a comisión permanente do Consello Escolar do Estado, o maior órgano consultivo en materia educativa, votará un documento con recomendacións sobre as actuacións que conviría adoptar ante a crise do coronavirus e o Estado de Alarma decretado polo Goberno. Entre elas inclúese a devandita proposta presentada pola Confederación Estatal de Asociacións de Estudantes CANAE.